Aqueles veráns

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

23 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o pasamento dos avós iamos á aldea en datas sinaladas como o Nadal, Semana Santa ou o entroido, sempre dependendo das ocupacións de meus pais e da súa dispoñibilidade. Daquela facer 200 quilómetros era unha odisea, tendo en conta que as estradas de comezos da década de 1980 eran as que eran.

Pero a estadía máxica era a do verán, e, independentemente de que meus pais puidesen ou non, eu marchaba no bus nada máis rematar as clases de xuño e ata o comezo en setembro. Non imaxinades o que me prestaba aquel tempo de desconexión da cidade e de reencontro cos amigos chegados dende Vigo, Euskadi, Cataluña ou Madrid coa única idea de pasarmos aquel tempo coma se non fose haber máis.

Naquela altura o meu medio de transporte consistía nunha bicicleta de carreiras que o meu irmán me trouxera de Italia, e, aínda que destacaba sobre as que tiñan os meus compañeiros de andaina, en realidade os mestres destes trebellos eran eles, que con bicicletas aparentemente «inferiores» tiñan unha maior destreza, xa que, para moitas cousas, os rapaces criados na aldea eran máis espelidos que os da cidade. Coas bicis non parabamos e iamos dunha aldea a outra coma se fose unha conquista, non había recuncho da contorna que non coñecésemos, e prestaba gozar dunha liberdade que na cidade tiña outros límites.

Pero, sobre todo, na aldea aprendíanse moitas cousas da vida que nas urbes apenas existían, como sacar o mel dunha colmea, debullar o millo, apañar as patacas, sementar a terra, coidar a horta, tornar a auga dun lameiro, ensilar a herba, rachar leña, facer unha meda, prender o lume na lareira ou na cociña de ferro… Todo isto xunto á relación cos animais da casa (tiñamos vacas, galiñas e porcos) e coa fauna da contorna.

Tamén lembro aqueles sons propios e únicos, como o canto dos carros do país, as campás tanxidas manualmente ou mesmamente o silencio, que nas noites era impresionante. Tantos recordos bonitos de tempos non tan afastados que semellan soños, e por desgraza a estas alturas, algúns deles difíciles de recuperar no presente.