Formas con orixe

David Barro A OUTRA CARA DA LÚA

CULTURA

22 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

industria téxtil foi pioneira en mecanizarse. Coa construción mecánica ou a siderurxia domina a primeira industrialización. Non debería estrañar que a manufactura do liño fora beneficiada polo clima húmido de Galicia. Raras eran as casas galegas que a partir das últimas décadas do século XVIII non tivesen teares ou outros instrumentos para ese mesmo fin. Pero a cultura industrial do lino en Galicia irá minimizando a súa presenza na economía durante todo o século XIX e desaparece ata que volve cobrar protagonismo coa achega histórica de Adolfo Domínguez.

Será nos anos oitenta, un momento onde a publicidade estaba chea de corpos perfectos e as imaxes e as aparencias estaban a desprazar a realidade. A orde posmoderna convertía o corpo nunha sorte de relixión. É entón cando o deseño cobra unha relevancia inédita e un iogur non só é unha sobremesa, senón que ten que axudar a conseguir un «corpo Danone». «Canto máis bebes, máis te gustas», era a mensaxe de Mondariz. Nese clima de perfección chega Adolfo Domínguez e espétanos que «la arruga es bella» -mensaxe que ideará o publicista Luis Carballo-, o que parecía contradicir esa unánime batalla contra o tempo. Unha disonancia que non é tal se pensamos en como el tamén proxecta os valores da superficie, neste caso do tecido, na dobra, na caída, na textura. A engurra do liño confire nobreza, en liña con esa demanda selecta que tiña séculos atrás. Tanto é así que ata o personaxe de Sonny Crocket, interpretado por Don Johnson na soada serie Corrupción en Miami, tamén vestirá de Adolfo Domínguez, con traxe de liño e coloridas camisetas. Domínguez consegue que as súas coleccións desfilen en lugares como París e se comercialicen en almacéns como Harrods, conquistando mercados en diferentes continentes ata conseguir ser a primeira marca de moda do país en cotizar en Bolsa. Como dirá Luis Seoane en carta a Isaac Díaz Pardo en 1965: «Existen formas galegas inéditas, nas ferramentas dos oficios e nos obxectos herdados. Ahí están para quen sepa recollelas». Ese tamén foi o espíritu de Sargadelos. Haberá que tomar exemplo.