O Seoane máis popular

A Fundación do artista inaugura unha mostra de 88 obras, seleccionadas por un total de 112 persoas alleas á institución

X. F.
La Voz

A exposición Mapa dos desexos de Luís Seoane, que inaugura hoxe a Fundación do artista, nace a partir dunha idea peculiar: a cidadanía é a encargada de elixir as obras exhibidas. A mostra componse dun total de 88 pezas do pintor coruñés, seleccionadas por un conxunto de 112 persoas entre as que se atopan a medallista olímpica Sofía Toro, os xornalistas galegos Pepe Domingo Castaño, Nacho Carretero ou Fernando González Gonzo e o cantante Xoel López.

O proceso no que se baseou esta exposición é sinxelo pero orixinal. A institución contactou, en primeiro lugar, cunha longa lista de persoas de eidos tan dispares como o deporte, o estudantado, a cultura, a docencia, así como con asociacións veciñais e desempregados. A continuación, estes debían seleccionar unha peza de Seoane dentro dunha escolma de arredor de 700 obras, que incluía óleos, gravados, debuxos e carteis.

Por último, a xente anotaba unha palabra que lle suxerise a imaxe. O resultado: unha mostra que amosa ao Seoane máis popular e «espontáneo», como afirma o coordinador da exposición, Antón Lezcano. «Cada obra de Seoane é un mundo e cada persoa ten a súa propia visión, polo que é unha oportunidade única para achegarse a el», manifesta Lezcano.

A liberdade do procedemento deu lugar a anécdotas tan curiosas coma a que conta o coordinador da mostra: «No catálogo, as obras acompañábanse cun número, non co seu título. Entón, a presidenta da Federación de Asociacións Veciñais de A Coruña e Área Metropolitana, María Luisa Varela Ínsua, escolleu, casualmente, a peza titulada As Veciñas, sen saber que tiña esta denominación». Ademais desta obra, a mostra tamén inclúe outras tan icónicas como Cristo Obreiro Crucificado ou os carteis de Cinzano ou o do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Por outra parte, a Fundación Luís Seoane recupera nesta exposición a curtametraxe de animación Homenaxe á Torre de Hércules, realizada por Esferobite no 2004. Esta produción audiovisual está baseada no libro de debuxos homónimo do artista coruñés, editado por primeira vez en 1944. Esta iniciativa é un tributo por parte da institución, para unirse á celebración do décimo aniversario do nomeamento da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade.

A inauguración de Mapa dos desexos de Luís Seoane, que se celebra hoxe na sede da Fundación a partir das 20.00 horas, contará coa participación do dúo poético-musical Aldaolado. «Lucía Aldao e María Lado, desenvolverán un recital moi interactivo e, incluso, nalgúns números que van facer, empregarán as 112 palabras escollidas pola xente», describe Lezcano. A mostra estará aberta ao público ata o próximo 3 de novembro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Seoane máis popular