Simios e androides no espello

Antonio Méndez / X. F. LA VOZ

CULTURA

internet

Kalandraka achega ao galego os textos clásicos de ciencia ficción de Pierre Boulle e Phillip K. Dick, que estenderon o seu éxito con adaptacións cinematográficas

15 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Que é real? Que é o ser humano? Cales son os límites da ciencia? Cara a onde se dirixe a sociedade? Estas reflexións, e outras nesta liña, son os fíos condutores, directos ou indirectos, das obras literarias O planeta dos simios e Soñan os androides con ovellas eléctricas?, que a editorial Kalandraka vén de publicar en galego.

Ambas gozaron, tempo despois do seu lanzamento orixinal, dunha adaptación cinematográfica que espallou o seu recoñecemento: a primeira, co filme homónimo de 1968, e a segunda coa película Blade Runner, estreada en 1982.

O planeta dos simios, escrita polo francés Pierre Boulle, convida, en verbas da tradutora, Antía Veres Gesto, a «reflexionar sobre a nosa propia sociedade, a división de clases, a guerra, o coñecemento e o seu aproveitamento, as prácticas dos laboratorios científicos ou o trato aos animais».

Por outra parte, Veres expón que a novela «non remata igual que a película e é moito máis ampla». Polo tanto, para aqueles que descoñezan o texto literario, «aínda lles queda moito planeta dos simios por descubrir», sostén a tradutora. Ademais, «o toque americanizado e bélico» da película «non está presente ou tan presente» na novela, segundo Veres.

Pola súa banda, Soñan os androides con ovellas eléctricas?, escrita polo estadounidense Phillip K. Dick, expón un debate sobre o futuro da sociedade en relación coa ciencia e se esta posúe límites de seu ou se, pola contra, a filosofía e a moral deben impor certos lindeiros, explica o tradutor da obra en galego, Fernando Moreiras.

Neste senso, a novela apela a unha «reflexión sobre o universo dun mesmo e do outro, da alteridade», sostén Moreiras. Ridley Scott adaptou libremente este libro no seu filme distópico e de culto Blade Runner, un clásico do cinema de ciencia ficción que se afasta da proposta literaria de Dick: «Son produtos totalmente distintos pero complementarios», en palabras de Moreiras. «Ironicamente, a película non axuda, pode meter vezos na novela. Por exemplo, a palabra replicante non se menciona no libro, foi unha creación para o filme», explica o tradutor vigués.

O pano de fondo da tradución  

Todo oficio garda os seus atrancos. No caso de verter ao galego a obra de Dick, Moreiras achou dificultades á hora de establecer o xénero dos personaxes, polo que os quebradeiros de cabeza xurdiron no «eido gramatical e non en traducir termos específicos», asegura.

No caso de O planeta dos simios, Veres lamenta «a falta xeneralizada de recursos que hai para a tradución cara ao galego en xeral, e do francés ao galego en particular».

Con todo, ambos manifestan que o traballo resultou gratificante. Veres subliña a «gran responsabilidade» que lle supuxo traducir a Boulle, mentres que Moreiras salienta que se sentiu «na súa casa» traducindo a Dick, debido á súa paixón pola ciencia ficción «en tódalas súas manifestacións».

Dous textos, dous tradutores e dúas concepcións do oficio. «Para min, a tradución é unha ferramenta de igualdade, é unha profesión que procura eliminar barreiras», afirma Veres; «traducir é conseguir un efecto, é dicir, quen elabora un texto busca un resultado e débese respectar», asegura, pola contra, Moreiras. Dúas versións, ao igual que os filmes e as novelas, complementarias.

«Aínda que non existira o filme,as novelas deféndense por si mesmas»

O director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, explica que a elección de editar O planeta dos simios e Soñan os androides con ovellas eléctricas? «non é casual, senón que premeditada». «Parécenos interesante relacionar literatura con cine porque cremos que é unha boa maneira de enganchar co público máis novo», sostén Ballesteros.

Así e todo, o editor vigués manifesta que «aínda que non existira o filme, as novelas deféndense por si mesmas», concordando co requisito de «calidade literaria» que segundo Ballesteros procuran desde a editorial.

En canto aos libros en strito sensu, Ballesteros considera que O planeta dos simios é «unha reflexión sobre a sociedade, os humanos e os animais, sobre a forma de tratar a estes últimos». «Eu reivindícoa coma unha homenaxe a tantas persoas que agora están loitando en favor dos dereitos dos animais», explica.

No que se refire a Soñan os androides con ovellas eléctricas?, o editor vigués manifesta a importancia de ler esta obra na actualidade. Fundamentalmente, porque introduce debates contemporáneos como a intelixencia artificial e os seus límites, así como o control das grandes corporacións e plataformas tecnolóxicas, que «mudan comportamentos e formas de pensar», afirma.

Por outra parte, a tradución destas obras insírese dentro do propósito capital da editorial desde o seu nacemento hai 21 anos: a normalización lingüística do galego. Neste senso, o director de Kalandraka salienta a necesidade de «poñer en galego a gran literatura», onde sostén que «existen moitas eivas e lagoas». Tras Pierre Boulle e Phillp K. Dick, do que publicarán unha nova entrega proximamente, a editorial galega tentará continuar cunha «oferta equilibrada» e prometen «sorpresas de aquí a que remate o ano».