As illas Kassitérides

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

28 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As illas Kassitérides, segundo algúns textos clásicos, eran un arquipélago situado ao norte do porto dos ártabros, fronte ás costas occidentais da península ibérica. A orixe do nome vén do grego kassíteros, que quere dicir estaño, metal abondoso nesas illas, das que saía unha gran produción para o seu comercio, capitaneado durante longo tempo polos fenicios. Da súa aliaxe co cobre naceu o bronce, nome co que se denominou unha nova idade na que se fabricaron utensilios e armas que superaban o coñecido ata ese momento. Por iso a revolucionaria importancia destas minas.

Din os escritos antigos que o arquipélago estaba formado por dez pequenas illas dispostas en forma de anel, e nalgunhas cartografías da época aparecían situadas no noroeste da costa galega. Os seus habitantes vestían mantos negros con túnicas que lles chegaban ata os pés, e camiñaban con bastóns semellando imaxes como as das furias das traxedias romanas. Vivían preferentemente do gando e comerciaban intercambiando os prezados metais das súas minas (estaño e chumbo) por cerámica, sal e obxectos de bronce, sobre todo cos fenicios.

Pero a situación real das illas Kassitérides nunca estivo moi clara e, se ben nalgunhas cartografías antigas aparecían localizadas fronte á costa norte de Galicia, na realidade actual nese enclave non hai nada, e ben puideron ser confundidas con algo diferente. As illas atlánticas galegas non coinciden, xa que nelas nunca houbo unha cantidade significativa de ningún metal e ademais os textos sempre as situaban ao norte do porto dos ártabros, é dicir, ao norte da Coruña actual. As illas Sorlingas, ao sur de Cornualles, tampouco parece que puidesen ser porque non consta que nelas houbese unha minería significativa.

Polo tanto, a existencia real das Kassitérides é un misterio que responde máis a unha posible denominación xenérica para todos os enclaves costeiros atlánticos, onde os antigos navegantes viñan buscar o prezado metal: quizais Galicia, Bretaña ou Cornualles, enclaves da histórica ruta do estaño.