Todo o mundo sabe en maior ou menor medida o que é un acordeón por ser un instrumento moi popular que podemos ver e escoitar na vida cotiá, mais o que xa non é tan doado é diferenciar os tipos de acordeóns existentes e menos aínda saber que o acordeón diatónico é o máis antigo e foi o primeiro en chegar á música tradicional galega.
A pesar de que pareza que leva entre nós moito tempo, apenas ten douscentos anos de existencia dende o primeiro prototipo creado en Viena por Cyrill Demian. Co paso do tempo converteuse nun instrumento moi popular en todo o mundo nas súas diferentes variantes, e en moitos lugares de Europa é o instrumento máis popular.
A Galicia chegou a finais do século XIX, e incorporouse doadamente ás músicas tradicionais sen chegar a substituír, nin sequera a igualar, á tan popular gaita galega, que sempre foi a raíña das festas e o instrumento máis querido socialmente. No ano 1986, con Luar Na Lubre comezando a súa andaina, tiven a sorte de participar por primeira vez no Festival Intercéltico de Lorient e xa de paso, cuns aforriños, aproveitar a viaxe para mercar unha frauta traveseira, ata que de súpeto me topei cun fermoso acordeón diatónico Hohner que acabei adquirindo e que aínda conservo como unha reliquia. Con el fixen moitos concertos e gravei un feixe de músicas para Luar Na Lubre e tamén para outras agrupacións como Teatro do Atlántico, Ballet Rey de Viana ou Xacarandaina. Sen sabelo nin pretendelo fun o primeiro das novas xeracións en retomar un instrumento destas características.
A partir de aí fun coñecendo a súa historia e tamén aos vellos veteranos tocadores, como Manuel Cociña de Perlío, Sindo de Olelas ou Pazos de Merexo, quen por desgraza finou recentemente; ao tempo, fun motivando a outros músicos para que se fosen introducindo na súa aprendizaxe, como Brais Maceiras, e, na actualidade, o meu fillo Bieito.
Cando eu comecei a súa situación era de desaparición total, pero a día de hoxe hai grandes tocadores e a súa continuidade afortunadamente está máis que garantida.