Xacarandaina amosa a madurez dos 40

D. VAZQUEZ A CORUÑA

CULTURA

Primer grupo de pandeireteiras de Xacarandaina
Primer grupo de pandeireteiras de Xacarandaina

A asociación, referente da memoria musical do país, reivindica o traballo feito nos catro últimos decenios, que recompilou nun disco que presenta hoxe na Coruña

15 jul 2021 . Actualizado a las 20:21 h.

Corenta anos recompilando folclore e subíndoo con orgullo e fachenda aos escenarios propios e foráneos é o legado que situou á asociación cultural coruñesa Xacarandaina como referente. Os seus premios en Gente Joven, en TVE, fixeron dela un modelo no seu eido, pola reivindicación dun traballo etnográfico difícil de igualar e do que garda no seu arquivo máis de 1.000 pezas musicais e infinidade de bailes, o que lle permitiu ao seu director artístico actual, Henrique Peón, montar máis de 500 coreografías.

Malia os numerosos espectáculos feitos e a presenza nunha morea de festivais internacionais, na súa historia contaban cun único traballo discográfico editado, gravado en vinilo en 1990. Desta volta, chegados aos 40, optaron por facer unha escolma de pezas senlleiras nun disco que presentarán hoxe no Teatro Colón coruñés con 70 músicos no escenario, entre as pandeireteiras do grupo, os cantareiros Os do Fondo da Barra, o cuarteto de gaitas, a charanga e un coro de voces mixtas no que se adianta un coidado traballo de posta en escena.

A asociación arranca así o ano do aniversario, que finalizará con outro espectáculo no que se reivindicará tamén o baile tradicional, un eixe primordial que impulsan cun concurso propio dende 1979 e que permite coñecer a calidade das novas xeracións.

Xacarandaina é unha grande canteira de músicos e bailadores. Pola súa escola pasaron máis de 8.000 persoas, e tamén moitos artistas, pois nestes catro decenios, no seu grupo, dun xeito ou doutro, houbo 500 integrantes. Cifras que seguen a medrar.