Quique Peón: «Cambiamos a forma de pensar de moita xente sobre o noso patrimonio»

Xacarandaina celebra os seus corenta anos cunha gala. Fala o seu director artístico, Quique Peón


A Coruña / La Voz

Hai institucións que non precisan de presentación. O seu legado fala por elas. É o caso de Xacarandaina, a agrupación de música e baile tradicional galego que celebra os seus corenta anos de actividade cunha gala que terá lugar o sábado no Teatro Colón. O seu director artístico, Quique Peón, leva vinculado a Xacarandaina dende a súa fundación, cando aínda era un neno: «Tiña catorce anos. Entrei como compoñente e xa pronto me metín na directiva e aos dezaoito anos empecei a dirixir, cousa que levo 36 anos facendo», explica.

-Como foi a orixe?

-Eu estaba estudando no instituto de Monelos e a profesora de música contounos que querían facer un grupo. Era como unha clase que levaban Rosi Ares e Lino Rivas, que foron os primeiros directores. Como fixeron a convocatoria en todos os institutos xuntámonos un montón de xente. Seríamos uns trinta, máis ou menos. Case todas mulleres, iso si. Homes non éramos máis de cinco. Viñamos case todos das clases que se chamaban Coros y Danzas do edificio da Terraza.

-Moita xente para ser algo que naceu de cero.

-É que en aqueles tempos non había tantas actividades como hai hoxe. Empezamos a crear distintas seccións, máis clases... E ao pouco tempo xa gañamos o premio do programa Gente Joven de TVE. Iso deulle moita sona e empezou a chegar moitísima xente.

-E o segredo para seguir en activo corenta anos despois?

-Quizais que sempre foi un grupo moi estable. Nunca tivemos moitos altibaixos. Ao ter unha escola detrás hai xente que marcha, pero outra que vén nova. E as directivas sempre funcionaron moi ben. Ademais, ao estar eu sempre na dirección a cousa foi moi lineal, non houbo cambios traumáticos de dirección ou criterio. Foi un traballo moi seguido e profesional.

-Cales son os momentos estelares que lembra de maneira especial?

-Home, lembro os premios. Os nacionais, os da Xornadas de Folclore Galego de Santiago, os dos programas de televisión... E premios internacionais en Hungría, Francia... Pero o realmente importante foi que fixemos espectáculos grandes de folclore tradicional, cousa que ata entón non se vira. Estaban os de Rey de Viana, que eran máis ben de ballet e folclore evolucionado. Así que todas as estreas que fixemos, poñendo en valor eses bailes, músicas e vestiarios que fomos recollendo nas aldeas e levándoas á escena, eses son realmente os momentos estelares.

-Fixeron un traballo de recuperación que envexaría o propio Alan Lomax.

-Con todos os respectos e apreciando moito o traballo feito por Alan Lomax, teño que dicir que nos temos feito moitísimo máis ca el. Xacarandaina ten un traballo inxente de recollida de miles de melodías que conforman un arquivo incrible. Con iso cambiamos a forma de pensar de moita xente, que se puxo a recoller e poñer en escena, sendo rigorosos coas coreografías e cos traxes, ese patrimonio. E de aí que agora vaia a declararse Ben de Interese Cultural o baile tradicional de Galicia, que esperamos que esa declaración se produza o ano que vén.

-Que suporá esa declaración?

-Iso leva asociado un comité de sabios que velarán para que se conserve ese ben. E iso precisa que se axunte todo o arquivo que hai en Galicia, que está case todo en mans particulares. Pero tan importante como iso é mantelo vivo, que non sexa unha cousa museística, nada máis. E iso é o que facemos nós, revivilo cada vez que saímos a un escenario. É a maneira de que sexa patrimonio cultural vivo.

«A ilusión por pasarlle ás seguintes xeracións toda esta cultura é o que nos fai seguir»

Ademais da gala do Teatro Colón, a celebración deste aniversario complétase coa publicación dun disco que recorre estes corenta anos de historia, tal e como explica Quique Peón.

-Que atoparemos nese disco?

-Fixemos unha recompilación de gravacións que tiñamos dende 1981. A primeira gravación é dunha muiñeira que levamos a un festival na Bretaña francesa. E metemos outras que por falta de diñeiro non puidemos sacar no seu día. E tamén hai algunhas pezas gravadas agora pensando xa no disco. É un percorrido musical, etnográfico, tradicional que da unha idea do que facíamos ao principio e do que facemos hoxe.

-Adiánteme algo da gala do sábado.

-Será un espectáculo exclusivamente musical. O baile queda na casa, porque a música ten entidade suficiente para aguantar o espectáculo. Participarán as distintas seccións. O grupo de pandeireteiras, que foi o primeiro formado nun grupo folclórico como Xacarandaina que se subiu a un escenario, os gaiteiros, a charanga tradicional, un grupo de homes que cantan cantos de taberna, que se chaman Os do fondo da barra, e un coro de corenta voces.

-Collerán todos no escenario?

-Collemos ben, non hai problema. Ademais, para nós o Teatro Colón é un recinto moi especial. As finais do noso concurso de baile tradicional, que vai pola súa edición número 39.º, sempre as facemos alí. E eses traballos de recuperación e posta en valor de eses bailes sempre os estreamos no Colón. É como a nosa casa.

-Como afrontan o futuro?

-Con ilusión por pasarlle as seguintes xeracións toda a nosa cultura. Isto é o importante, o que nos fai seguir adiante: ilusión, disciplina e traballo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Quique Peón: «Cambiamos a forma de pensar de moita xente sobre o noso patrimonio»