Todos os días son 16 de decembro

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A actriz Cris Iglesias encarna a Lucía, unha moza de 25 anos que vai buscar ao seu irmán ao conservatorio
A actriz Cris Iglesias encarna a Lucía, unha moza de 25 anos que vai buscar ao seu irmán ao conservatorio

O cineasta galego Álvaro Gago, autor de «Matria», busca mecenas para unha non-historia que conta mil historias de violencia

21 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non acontece en ningún lugar e pasa en todos a un tempo. Aínda que sexa Vigo. Vigo, 16 de decembro. E, porén, podería terse riscado en calquera outro cadriño do almanaque: 18 de xuño, 18 de xullo, 19 de agosto... Ela é Lucía, 25 anos, xoga ao balonmán. Podería levar outro nome, ter outra idade, dedicarse a calquera outra cousa. Lucía non é ninguén e ao tempo é todas as mulleres. Unha non-historia que conta un milleiro de historias. A mesma historia: a da violencia estrutural contra as mulleres.

Así é o novo proxecto no que traballa o cineasta vigués Álvaro Gago (1986). Quince minutos de metraxe que comprimen dúas horas dun 16 de decembro nos que observar e tamén ser. Unha experiencia inmersiva á que hai que chegar o máis desinformado posible. Que as preguntas sexan distintas. Que a tensión sexa outra.

A semente de 16 de decembro leva acubillándoa nas mans Álvaro Gago dende a rodaxe da súa curta Matria. Alí coñeceu a unha Lucía: 25 anos, experiencia persoal, carácter. Tamén levaba tempo querendo escribir un papel para Cris Iglesias, dende que a coñeceu: expansiva, todoterreo, transparente. Un 16 de decembro que cambiou moitas cousas. «Bebo da miña realidade inmediata e estábame berrando que escribira esta historia», confirma o realizador.

 Para proxectar o papel na pantalla, Álvaro Gago busca mecenas. É a terceira vez que acode ás plataformas de crowdfunding para financiar os seus proxectos. «Por unha banda si que espero que sexa a última vez, porque iso indicaría que me convertería nun privilexiado, podería facer películas sen recorrer a ese tipo de prácticas». Pero, por outra banda, os que invisten no proxecto crean un vencello profundo con el. Descubriuno este cineasta sobre todo logo de Matria: «Sentíronse parte do proxecto e supoño que se senten parte dunha causa que apoian e que queren seguir mantendo viva. Iso é moi interesante, porque abre o proxecto xa con xente que comparte, que está expectante, que fala do proxecto nos seus círculos». Que expanden o proxecto.

Álvaro Gago quere que o proceso de 16 de decembro sexa totalmente profesional, tanto na parte artística como na técnica. Que todos cobren un salario. E, por iso, sacalo adiante é máis caro. O 70 % da curta está xa financiada grazas a axudas do ICAA ?Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales do Ministerio de Cultura?, a un foro de coprodución de Madrid e a un premio da canle Movistar+ no festival de Cinema Jove de Valencia. Pero aínda fan falta 16.000 euros, que é o que está tentando recadar ao longo dun mes a través da plataforma Verkami. Dende cinco euros pódese colaborar co novo proxecto de Álvaro Gago. E, se cadra, o vindeiro ano pode aparecer o seu nome na gala dos premios Goya.