O cómic inspírase na historia

Xesús Fraga
x. fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

miguel fernandez

«Ulf de Jakobsland» e «La Espada de San Eufrasio» viaxan ata a Idade Media para combinar a aventura co didactismo

09 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«A historia de Galicia é moi rica, tanto coma a de calquera país europeo, e aínda hai moito que traballar e investigar nela». Nese pasado, onde se cruzan os datos contrastados e a fantasía das lendas, un creador pode atopar materia prima para os seus relatos. Alberto Varela Ferreiro, quen defende esa ollada atrás -e agradece a historiadores e investigadores o traballo de pescuda, síntese e divulgación-, vén de ofrecer o resultado desa fascinación e interese no cómic Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia (Xerais), protagonizado por un home do norte que chega a terras galegas dúas veces: a primeira, como fero invasor; a segunda, como peregrino cristián.

Trátase dun cómic que, por formato e características, pode empregarse como material didáctico, e que mira ao pasado colectivo e tamén biográfico do seu autor: Varela Ferreiro tiña na casa un daqueles tomos dedicados a deuses e heroes de diversas culturas, entre elas a nórdica, que na década dos oitenta publicou precisamente Xerais. «Sempre me resultou fascinante a mitoloxía viquinga, polo seu apego á natureza e o seu fatalismo», lembra o ilustrador e debuxante. Porén, da súa presenza en Galicia tiña escasas referencias. «Sabía que atacaran as nosas costas, os restos da fortaleza de Catoira son unha magnífica testemuña. Pero cando empecei a documentarme para o guión do cómic deime conta da incrible riqueza histórica que atesouramos e que apenas é coñecida», engade.

alberto varela ferreiro

O cómic ten como personaxe principal a Ulf Galiciefarer, o conquistador de Galicia, tal e como é denominado na saga do rei Canuto. «Foi un “Jarl” ou conde viquingo que chegou no 1028 e que, segundo os historiadores, quedou uns vinte anos por acó, ata que o bispo Cresconio (que gobernaba a Gallaecia de parte do rei Fernando I de León) o expulsou despois dunha batalla nos arredores da ría de Arousa», relata Varela.

O interese de Alberto Varela polos viquingos comezou a gravitar arredor de Ulf cando un arqueólogo danés publicou o achado do que pensaba que podía ser o seu enterramento. «Nese intre tamén estaban emitindo a serie Vikings, na que aparece a expedición de Bjorn Costado de ferro», cita o autor, quen, cando viu que na produción televisiva deixaban fóra o ataque a Compostela, para centrarse noutras zonas peninsulares, decatouse de que esa era unha historia que el si podía contar, e a través do cómic.

Non obstante, Ulf de Jakobsland non é unha obra concibida para saber só sobre os viquingos, senón tamén sobre aquela Galicia á que chegaron. Dos séculos VII a XII atopou abondoso material, dende a axitación política ata as loitas polo poder, «un auténtico Xogo de tronos». As torres de Catoira, o faro brigantino ou de Hércules, o descubrimento dos restos do apóstolo Santiago e o traslado da sé episcopal de Iria Flavia a Compostela para evitar os ataques viquingos son episodios sobre os que os lectores, principalmente os máis mozos, pero tamén os adultos, poden aprender nun formato de viñetas.  

Terra de lobos

Na Idade Media, no tempo das revoltas irmandiñas, acontecen as historias doutro cómic, La Espada de San Eufrasio (Diábolo Ediciones). Á primeira entrega, La aldea maldita, séguelle agora Tierra de lobos, a cargo do mesmo equipo creativo: os guionistas Pepe Rey e Manuel López, xunto co debuxante Miguel Fernández. O seu traballo combina feitos históricos con ficción mediante os avatares da familia de Rosendo, un labrego ao que despoxan das súas posesións e converten nun proscrito, obrigado a fuxir dos señores feudais. Neste novo episodio, os protagonistas teñen que buscar refuxio no máis afastado das montañas dos Ancares. Alí entran en contacto cunha banda de salteadores que actúan no Camiño de Santiago. E aparece outro personaxe: o bispo de Lugo, mergullado nunha rede de intrigas e guerras.