Valle-Inclán

CULTURA

09 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Don Ramón María del Valle-Inclán está a triunfar no Teatro María Guerrero de Madrid con Luces de bohemia, nunha coidada posta en escena de Alfredo Sanzol que acredita a riqueza dramática da obra do xenial autor galego. Porque isto é o primeiro que hai que afirmar sen dúbidas, agora que xa sabemos que foron as súas obras as que nos situaron (e seguen a situarnos) na primeira liña das vangardas escénicas mundiais.

A vixencia do teatro de Valle-Inclán é tan real e tan firme que aínda hoxe representa unha indiscutible dianteira en todo o mundo. Cabe dicir que a dramaturxia do século XX ten uns nomes propios xa indiscutibles e principais: Valle-Inclán, Bertolt Brecht, Samuel Beckett e Eugène Ionesco (e, se se quere -desde unha perspectiva filosófica-, o Jean-Paul Sartre de Huis Clos e o Albert Camus de Os xustos).

De todos eles, cabe dicir que Valle-Inclán é o que ofrece unha visión máis directa e descarnada da condición humana. Por iso quizais sorprenda que a primeira montaxe internacional da súa Divinas palabras a fixese o director sueco Ingmar Bergman en 1950. A partir de aí todo empezou a ser máis fácil: sucedéronse as montaxes en Madrid, tres en París e despois tamén nos EUA e noutros países.

Ben se pode dicir, pois, que na segunda metade do século XX o teatro de don Ramón xa cabalgaba á fronte da grande dramaturxia, cunha vitalidade e unha orixinalidade sorprendentes... Mágoa que isto só ocorrese despois da súa morte!

«Falloume a época», laiábase, porque así o sentía, e sabía que isto só podía ter amaño co paso do tempo. Pero el xa non estaría neste mundo para velo, porque sentía que tiña «a estrela perdida». A estrela da harmonía sociocultural, que fai coincidir a creación crítica coa formación cultural e a sensibilidade dun pobo. Isto chegou despois, cando el xa non estaba entre nós. Finou en Santiago de Compostela o 6 de xaneiro de 1936, nas vésperas dunha espantosa Guerra Civil. E no seu enterro compareceu, abrazado ao ataúde, o grande Castelao, como acreditou Domingo García-Sabell e como recolle tamén Ángel Peláez no seu bo documental Valle-Inclán: a vixencia dun xenio.