Castelao, da tradición ao «big data»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Xoán A. Soler

«Alba de Gloria» válese das novas tecnoloxías e da documentación do Consello da Cultura para achegar doutro xeito un discurso cimeiro

08 nov 2018 . Actualizado a las 09:23 h.

No país dos cen mil marcos, ás veces os lindeiros quedan esluídos. Na igrexa de San Domingos as fronteiras están abertas dende onte. O pasado mestúrase co futuro. Os mortos érguense a carón dos vivos. A Galicia continental e a diáspora camiñan da man. Tradición e historia. Literatura e big data. Pedra e píxeles. «Non é unha exposición calquera». Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura, avisaba. Alba de Gloria. Unha experiencia é en realidade unha emoción. Un paseo polos sentimentos dun pobo. Pola construción dunha identidade. Unha celebración. É a exposición que a Castelao lle gustaría ver sobre o discurso que pronunciou o 25 de xullo de 1948, unha obra «cimeira» e tamén profundamente simbólica. Moito máis que un discurso. O que describe unha procesión de inmortais da historia de Galicia de máis de 60 figuras. A que acredita que os grandes nomes son importantes, pero máis importantes son os que non teñen nome. E que pese a todo, pese á derrota, Galicia resistiu. E resiste. Esa é a mensaxe de esperanza e de futuro que Castelao lanzou aquel día no que o seu discurso foi interrompido varias veces pola emoción dos presentes.

«A forma de abordar esta exposición ten moito que ver coa idea que tiña Castelao de utilizar formatos novos e incluso tecnoloxías novas para chegar a públicos novos», di Manuel Gago, comisario da mostra. Alba de Gloria. Unha experiencia é materializar o convencemento de que «a cultura galega ten que facer un esforzo para chegar a idades diferentes, a audiencias diferentes, a lugares diferentes».

En San Domingos a viaxe por Alba de Gloria é sensorial. É premer os paneis para descubrir, mediante o big data, en que momento as persoas deixan de selo para se converter en mitos. É tamén escoitar. Escoitar a voz de Castelao na fonopostal que enviou para a estrea de Os vellos non deben de namorarse en Montevideo. A súa propia mensaxe de voz de WhatsApp antes das redes sociais. Os discursos de Otero Pedrayo, Maruxa Boga ou Francisco Fernández del Riego. A propia alocución dramatizada de Castelao. É mirar. É ver as gravacións que existen de Castelao en América. O seu poder de convocatoria. É estar testa con testa con Antolín Faraldo, con Martín Codax. Con Emilia Pardo Bazán, con Xelmírez e cos tres Fonsecas.

É, máis que nada, estar. Virtualmente, pero estar. Estar no Teatro Argentino. Falar con Castelao. Estar na revolta dun camiño, detrás dun piñeiral, por onde se esvaece a Compaña de nomes inmortais. É case notar a calor na cara da labarada que sae da sepultura de Alexandre Bóveda. É permanecer. Ter a oportunidade de diluírse na moitedume de luciñas coas que Castelao representou o pobo creador e mantedor da identidade. É perseverar. Votar para ir engadindo nomes a esa procesión pronunciada por Castelao.