As razóns máxicas

CULTURA

31 ago 2018 . Actualizado a las 21:14 h.

Confeso ter escrito a novela Segredos de Bretaña nun intento de utilizar as estratexias da «novela negra» co propósito de desvelar a evolución histórica dun espazo habitado -neste caso, o norte de Galicia-, descubrindo as chaves de supersticións, crenzas e datos reais que conviven e definen cada época histórica. Porque nós temos unhas tradicións antigas que seguen moi arraigadas en zonas rurais e que, neses espazos, serven para dar unhas explicacións ancestrais de todo o sorprendente e misterioso.

Dalgún xeito, isto contradí a idea, xa moi estendida, de que en Galicia hai unha cosmovisión compartida, común, que se estende a todo o noso espazo habitado, desde as capitais urbanas ás aldeas máis remotas. E isto está moi lonxe de ser así. Porque aínda seguen a confrontarse dúas visións do mundo: a das tradicións antigas, de raíz máxica, e a do racionalismo actual, que acredita as explicacións de feitos reais.

É certo que a cosmovisión urbana foi acantoando e empuxando ao esquecemento a rica cosmovisión rural que atesoura Galicia. Pero a realidade é que hai máis maxia nalgunhas aldeas remotas ca no conxunto urbano. Descoñecer isto só pode deberse a unha inexplicable falta de aprecio polas vellas tradicións, condenadas ao esquecemento.

Cando Álvaro Cunqueiro escribiu Merlín e familia sabía que os seus lectores de Mondoñedo (e de toda Galicia) non ían confundir o seu mago egrexio coa realidade de menciñas e menciñeiros do mundo real. Por iso xogaba cunha enorme liberdade. Porque el mesmo proviña dunha contorna social acostumada a mesturar maxias e realidades nun mesmo plano. Que lle podería pasar hoxe a Cunqueiro se publicase unha obra semellante? Pois que tería o mesmo éxito que tivo e ten. Porque a condición esencial de Cunqueiro non habitaba no realismo, senón na propia maxia dunha literatura superior.

Por isto me sorprende tanto ver como a racionalidade urbana vai acantoando e empuxando ao esquecemento toda a riquísima cosmovisión rural que aínda atesoura Galicia. Unha verdadeira mágoa, porque -repítoo- aínda hai máis talento feiticeiro nalgunhas aldeas que no complexo urbano de toda Galicia. Coido que deberiamos telo moi presente.