Gran leira

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

CULTURA

13 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Así é como lle chamabamos, con todo o cariño do mundo, Carlos García Martínez e servidor, a Antonio Fraguas Fraguas. Carlos, daquela, con María Xosé Fernández Cerviño e Rafael Baltar, urdía un proxecto fascinante: o Museo do Pobo Galego. Facendo algo de memoria, lembro algús detalles da primeira vez que entrei, con Carlos, claro, nas dependencias do Museo Municipal de Santiago, do que Fraguas era director, en Bonaval. Chamáronme poderosamente a atención unha morea de espingardas con baioneta, seica de cando a francesada. Coñecera eu antes a don Antonio. Foi nunha deliciosa e divertida charla que impartira il na biblioteca do P. Sarmiento, en Fonseca, para un grupo de persoas. Deixoume abraiado pola erudición, adubiada con pequenos e estraños obxectos que ía tirando ós poucos da carteira, pero, sobre todo, polo emprego do galego. Expresábase coma os petrucios da miña aldea no tocante a sutaque, entoación e galano da sintaxe. Unha marabilla! Nada que ver coa ríspeta e cortante dicción habitual nas voces que interviñan en vernácula, escasas, nas asembleas de Facultade. Na altura, comezos dos 70, chegaramos á Universidade de Santiago un nutrido batallón de estudantes procedentes do rural. Distinguiamos da aristocracia progre castellanera -os máis diles fillos de profesionais, alcaldes, funcionarios franquistas, empresarios e tendeiros-, polas falas, as formas e os andares. De por parte, a alguén se lle ocorreu acuñar e circular a marca: os leiras. Había pisos enteiros, coma os leirísimas da bisbarra chantadina que moraban en Salvadas. Moitos no Burgo. Ser leira era honra e pracer, en amizade e camaradaxe. E ata por dar, démoslle un aire sa e sensato, de autenticidade fraterna, ó nacionalismo político. Refírome a ERGA. Explicáballo a Drácula na Rúa Travesa -poñamos por caso na taberna do Xustiño ou no Xa Chegou- e il sorría comedido. Así foi como lle quedou Gran Leira a don Antón; entre nós os dous, enténdase. A figura e a obra de Fraguas, como figura central das Letras do ano vindeiro, foi axiña aproveitada por algús dos que o escolleron e que gobernan no predio que foi de dona Emilia Pardo Bazán, na Coruña. Disque vai valer para que os novos descubran un mundo perdido para sempre. Valerá, non digo nada. Pero cumpría que empezaran pola casa.