«Recomendar "Sangenjo" é unha falta de respecto á pluralidade lingüística»

t. montero / r. garcía SANTIAGO, A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Emilio Moldes

A RAG deplora a elección feita pola RAE, que ademais xa ten renunciado á forma castelá noutros moitos topónimos

08 jun 2018 . Actualizado a las 12:52 h.

Ano 1693. Os foreiros do mosteiro de San Xoán de Poio solicitan que se revisen os foros. No Arquivo Histórico Nacional aínda se conserva ese documento. Un auto de prorrateo no que se fala da «villa de Sanxenxo». Nun texto escrito en castelán. Con ese «villa de Sanxenxo» pedía onte a académica correspondente da RAG Luz Méndez ánimos para pensar unha nova proposta de cal é a grafía tradicional do topónimo en castelán. A Real Academia Española recomenda en contextos informais o uso de Sangenjo.

Extracto dun documento de 1693 onde se usa a forma «Sanxenxo», aínda que naquela época tamén se empregaba «Sangenjo»
Extracto dun documento de 1693 onde se usa a forma «Sanxenxo», aínda que naquela época tamén se empregaba «Sangenjo» ARCHIVO HISTÓRICO NACIONAL

Si. Sangenjo aparece tamén en textos históricos. Nos mesmos onde tamén escribiron Sanxenxo. Pero unha cousa é a grafía e outra a pronuncia. «Daquela non sabían de etimoloxía», lembra Luz Méndez, e as grafías usábanse a preferencia de quen escribía. «Dende finais da Idade Media deixou de haber galego escrito e usábanse as grafías do castelán». Ata finais do século XVI castelán e galego pronunciaban de xeito semellante. Pero o castelán comezou a aspirar os xes e convertelos en iotas. Por iso hoxe caixa é caja. Durante moito tempo, seguiron usándose as grafías medievais, ata que se foi regularizando a escrita e abandonando o x. «Hoxe veno e len Sangenjo. ¿Como se lía daquela? Seguramente Sanxenxo», explica Méndez. Sobre todo porque a meirande parte destes documentos son galegos, escritos en Galicia en castelán.

«Sangenjo non existe, é unha deturpación, xa que, en todo caso, en castelán sería San Ginés». Falaba así onte o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, descontento coa RAE. A Academia Española non debería aconsellar formas que son claramente «unha deturpación histórica». Os organismos internacionais, entre eles a ONU, recomendan manter as formas orixinais dos topónimos. Lémbrao Monteagudo e tamén Gonzalo Navaza, que resalta que na súa opinión persoal a RAE ten dous criterios: no contexto oficial e formal recomenda a forma Sanxenxo -a lei establece que a única forma oficial dos topónimos de Galicia é a galega- e no informal, Sangenjo. «Creo que se pode interpretar como unha falta de respecto á pluralidade lingüística». Unha falta de respecto pero non unha infracción. «¿Cometen un delito? Non. ¿Son maleducados? Pois un pouco». Gonzalo Navaza prefire restar importancia á polémica, sobre todo porque o corpus de referencia do español actual amosa que o uso máis común é Sanxenxo, é dicir, «habitualmente hai unha actitude moito máis respectuosa». Sobre todo porque a RAE ten renunciado a formas toponímicas en castelán en favor da orixinal. É o caso de Mastrique, forma que hoxe está en desuso. Todo o mundo utiliza Maastricht, o topónimo holandés orixinal.