O libro galego entrega os seus premios nunha gala reivindicativa

Reclamaron máis implicación da Xunta co sector editorial e a lingua galega e defenderon a liberdade de expresión


santiago / la voz

«En galego todo é posible». A frase de Ledicia Costas, gañadora na categoría de mellor libro infantil por A señorita Bubble, resume a terceira edición da Gala do Libro Galego, que onte premiou as mellores iniciativas editoriais en galego do 2017 entre discursos a favor da lingua galega, a liberdade de expresión, Cataluña e a supervivencia do sistema cultural galego, que se enfronta a dúas ameazas que hoxe son reais: a invisibilización e a periferia. Son palabras de Ramón Nicolás, vecendor na categoría de mellor proxecto literario na rede polo Caderno da crítica que leva enchendo xa dez anos.

Aínda que non puido estar presente, Nicolás fixo referencia no seu discurso -lido por Fran Alonso- á próxima desaparición do Diario Cultural. Foi Ana Romaní a premiada na categoría de xornalismo cultural. O público ergueuse cando a condutora do espazo, que será cancelado logo de 28 anos en antena, subíu ao escenario do Teatro Principal compostelán a recoller o galardón e reclamar que o xornalismo cultural non é só a axenda do día un unha compilación de actos. Tamén recibiu unha enorme ovación o discurso de Xosé María Álvarez Cáccamo -gañador na categoría de mellor libro ilustrado por Tinta de luz- que recoñeceu que co pasamento de Berta Cáccamo, que ilustrou os seus poemas, «foise a luz e quedou a tinta».

Xabier P. Docampo, cuxa nena do abrigo de astracán levou o premio á mellor obra de narrativa, tamén foi ovacionado polo público, que seguiu cun silencio sepulcral a historia de Jacinto que contou María Solar. Os nenos da varíola foi escollido como mellor libro xuvenil, mentres que Lupe Gómez lembrou ás novas poetas ao recoller o premio ao mellor libro de poesía, Camuflaxe. A mellor publicación de teatro foi para Río Bravo, de Chévere.

Fran Alonso reclamou un posto no núcleo da cultura para a ciencia ao recoller o premio a mellor iniciativa bibliográfica pola colección Xerais Básicos Ciencia, na que se inclúe Terra, de Xurxo Mariño, escollido mellor libro de divulgación. O mellor ensaio do 2017 foi Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa, mentres que a mellor tradución do ano 2017 é a de David A. Álvarez, que fixo falar galego a Pippi Mediaslongas. Viñetas desde o Atlántico foi escollida a mellor iniciativa cultural e, en banda deseñada, galou Alter-nativo de Jorge Campos, tamén finalista como libro mellor editado, aínda que ao final venceu Lumes, de Apiario. Con un discurso en catalán recolleu Isabel Clara-Simó a distinción de escritora galega universal e os outros dous premios honoríficos foron para Xavier Senín e Xurxo Patiño.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

O libro galego entrega os seus premios nunha gala reivindicativa