Un «reality» na aldea de Valle-Inclán

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Xoán A. Soler

O CDG estreará o xoves en Santiago a súa produción «Divinas palabras revolution»

09 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai sancristán. Nin igrexa. Nin aldea, porque agora seguramente esa que retratou Ramón María del Valle-Inclán en Divinas palabras xa estará deshabitada. A nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), que se estrea este xoves 12 de abril no Salón Teatro de Santiago, traslada cen anos a historia e convértea nun reality de televisión nesta aldea global do século XXI. Esta versión irreverente, ao fronte da cal están os membros de Chévere, tamén serve para saldar unha débeda histórica despois de que o CDG non puidese abrir a súa andaina con esta peza en 1984, ao non dispoñer dos dereitos de tradución ao galego.

«Cen anos despois de Divinas palabras non recoñecemos a Galicia que describiu Valle-Inclán porque desapareceu, destruímola, deixámola estragar. Entón, parecíanos deshonesto repetir esa imaxe idealizada de Galicia. Queremos poñer o acento en que perdemos esa cultura e esa paisaxe», explica Xesús Ron, o director da produción. Nese salto temporal, dende Chévere pensaron que o que mellor podería simbolizar ese mundo pechado de aldea e, á vez, a perda da identidade propia dun mundo globalizado, era un plató de televisión, un reality.

Nesta mutación da traxicomedia de aldea en traxicomedia da aldea global, Chévere actuou coma un doutor Frankenstein. Así o define Xesús Ron: «Collemos un corpo literario que para nós estaba moribundo, abrímolo e quitámoslle pezas que parecían que non funcionaban, outras cambiámolas de sitio e, a maiores, metémoslle moitas próteses. Pechamos e agora é un monstro, pero un monstro que está vivo».

Neste salto temporal e transformación, ademais da linguaxe e de escenario, os máis de trinta personaxes acabaron convertidos en nove. Entón, ¿que se mantén da peza orixinal de Valle-Inclán? «Se Divinas palabras se interpreta moitas veces como a miseria moral da sociedade galega da época de Valle-Inclán ou un pouco anterior, agora o que queremos facer é un retrato da miseria moral da sociedade actual, marcada polos mesmos elementos que entón: a avaricia, a morte e a explotación», asegura o director, quen engade que «ao final, quedou máis texto orixinal do que pensabamos».

Nesta transformación da peza, Xesús Ron contou coa colaboración dos seus compañeiros en Chévere Manuel Cortés -tamén encargado da tradución- e Patricia de Lorenzo, que interpretan os papeis protagonistas Pedro Gailo e Mari Gaila. «Hai unha escena que escribimos completamente e o reto é conseguir que non haxa un salto estilístico», asegura Cortés. O elenco artístico complétano Antón Coucheiro, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos e Tomé Viéitez. Estes últimos días de ensaio antes da estrea están centrándose en perfilar a montaxe, xa que é moi complexa. A obra mestura as escenas en directo cunha narrativa audiovisual, xa que un sistema de cámaras de vixilancia estará gravando todo o tempo aos actores que se distribúen por tres estancias desa casa a modo de Gran Hermano. Deste xeito, os espectadores poderán ver o que pasa no salón-cociña, habitación e baño dende outros ángulos en pantallas e incluso noutras estancias fóra da escena. O público ten que ir preparado para elixir. «Buscamos tamén ese espectador non habitual dunha obra de teatro», di Ron.

Despois de Santiago, a montaxe poderá verse en Carballo, Ourense, O Barco de Valdeorras, A Coruña, Pontevedra, Rianxo, Vigo e Cangas. O remate da xira será no Teatro Español de Madrid, onde se representará 85 anos despois da súa estrea en 1933.