Benposta, fábrica de soños

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

MIGUEL VILLAR

Alberto Canal novela en «O trapecista da malla de rombos» unha historia que recrea a utopía da Ciudad de los Muchachos, narrada a través da ollada inocente dun neno

19 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A orixe de O trapecista da malla de rombos (Xerais), a novela na que Alberto Canal (Casal de Maus, Ourense, 1967) recrea o que foi o proxecto utópico da cidade dos rapaces de Benposta, remóntase a dous intres separados no tempo. O primeiro, na infancia do autor: «Cando era cativo fun ver o circo e quedei fascinado. Non só porque ese circo estaba situado nun país independente que tiña alfándega e moeda propia, senón porque os números circenses estaban protagonizados por nenos da miña idade que facían cousas incribles». En consecuencia, Canal pasou os seguintes meses aprendendo a facer malabares con pedras.

O segundo intre coincide co falecemento no 2011 do impulsor do proxecto, o padre Silva, que Canal leu no periódico. «Decateime de que nas últimas paxinas dese mesmo periódico había outra que contaba que o fundador do Circo do Sol, Guy Laliberté, viña de comprar unha viaxe espacial. A contraposición entre unha Benposta que esmorecía coa morte do seu fundador e o éxito universal do circo canadense causoume tal impacto que decidín poñerme a escribir». O propósito do libro, «facer xustiza coa que foi a segunda Escola de Circo do mundo, despois da rusa e cun proxecto pedagóxico arredor das artes circenses de alcance universal». O resultado, un libro que debe lerse como «unha fábula sobre a ilusión e os soños».

De feito, soños é a palabra que máis veces agroma cando Canal fala do seu libro, «unha novela sobre alguén que, como no seu día fixo o padre Silva, pretende soñar un soño». Ese protagonista é Iupanki, un mozo de dez anos que chega a Benposta no tempo no que se produce o conflito urbanístico no que se enmarca o declive do proxecto. Iupanki permítelle a Canal narrar ese episodio «cunha mirada inxenua, xa que o libro non pretende ser unha crónica periodística do alí acontecido nin tan sequera unha novela documental, pois o conflito ao que nos referimos tivo vertentes moi diferentes».