Darío Xohán Cabana: «No espello véxome feo»

.

Darío Xohán Cabana (Cospeito, 1952) aínda ten o susto no corpo despois dunha inesperada operación cirúrxica. O académico convalece na acolledora casa que ten nunha aldea lucense, onde a conversa podería ser infinita á calor da estufa e das súas lembranzas.

-Na «Wikipedia» pon que tivo vostede unha educación comunista...

-Para min é un sinal de identidade porque me condicionou para toda a vida. En contra do que dicía moita xente, eu sempre souben que Franco era malo. Lembro a meu padriño, quen, naquelas noites frías de inverno, ás veces quedaba pensando e dicía: «Asasino, asasino...». E non dicía máis.

-E iso converteuno nun neno diferente?

-Non. Pero ao mellor, cando xogabamos ás guerras, eu estaba encantado de ser Fidel Castro, mentres outros preferían ser Fulgencio Batista.

-Era vostede un rapaz tranquilo?

-Si. Era tranquilo e bo estudante. Non ía aos niños nin lle daba de fumar aos sapos. O cal non quere dicir que non pelexara ás veces, que si pelexaba, ou que non fixera barbaridades ás veces, que si as facía. Aínda que a memoria da infancia mente moito. Eu, por exemplo, non teño lembranzas do frío, pero sei que pasabamos moito.

-Tivo moitos empregos. Foi policía local, vendedor de libros...

-Si, pero empecei e rematei facendo o mesmo: editando libros. No 1971 traballei en Edicións Castrelos, en Vigo, e no concello de Lugo, nos últimos 13 anos, encargueime das publicacións do concello. Ese foi o traballo que máis me gustou.

-Vender libros é moi duro.

-Si, aínda que houbo dúas partes. A primeira, case patriótica, foi unha venda ambulante de libros galegos cunha furgoneta. Daquela pasei algo de fame e, dende logo, frío tamén. O outro foi vender enciclopedias e cousas desas. Un traballo difícil. Era demasiado bo lector para ser vendedor de libros.

-Pero o seu traballo real é ser escritor.

-Si, a dedicación profunda foi esa, o que me moveu dende que era un rapaz. Se algo fun, fun iso.

-E diso non se xubilou.

-Non, aínda que literatura de creación hai anos que non fago.

-Que lle gusta máis, a poesía, o ensaio, a narrativa...?

-Eu son máis poeta que outra cousa, pero a narrativa deume unha satisfacción inmensa, que foi o éxito, o pequeno éxito que podemos ter neste país.

-Sobre o futuro da lingua, é optimista?

-A enfermidade do optimismo nunca a tiven. A miña esperanza é que a historia dá moitas voltas, pero se non dá esa volta... o galego realmente está en declive. Pero pode dar unha volta. Unha lingua desaparecida que levaba 2.500 anos sen ser falada, o hebreo, volveu ser unha lingua falada, vigorosa e viva.

-Canto tempo leva facendo o encrucillado de La Voz?

-Máis de 30 anos.

-Chámanlle os lectores algunha vez?

-Cando hai un erro, ha, ha. Non, as comunicación son poucas, aínda que as que recordo son cordiais. Algunha emocionoume.

-E vostede fai encrucillados?

-Só os que me poñen problemas.

-E agora que está xubilado, que vai facer?

-En primeiro lugar, vivir. Estar tranquilo pola casa, e ler moito. Estar coa familia e viaxar un pouco.

-Sabe cociñar?

-Quen me dera! Nin unha tortilla. Ata os ovos fritos me saen mal.

-Gústalle o fútbol?

-Si. Gústame ver un bo partido na tele. Lembro unha vez co Manuel María, no 1969, cando fomos ver ao Lemos contra o Ourense porque seica era un partido moi importante. Alá fomos coas nosas farias e o Ourense meteunos seis ou sete goles. O Manuel saíu moi cabreado e eu, por solidariedade, tamén. Non volvín ao campo.

-Defínase en poucas palabras.

-Penso que son unha boa persoa.

-E agora defina a Galicia.

-É un país que non o dá sido. Ás veces parece que levanta a cabeza, pero por pouco tempo. -Sempre levou barba?

-Dende os 17, só deixei de levala na mili.

-E que pensa agora que a leva todo o mundo?

-Pois que é un pouco incongruente, aínda que pode que sexa algo de racismo barbista.

-Cal é o seu lugar favorito?

-Aquí, onde estamos agora.

-Que relación ten co móbil?

-Ningunha. Non teño móbil.

-Non o creo.

-Pois non teño.

-Elixa unha canción.

-Van ser dúas: O canto dos partisanos e Grândola vila morena, de José Afonso.

-O máis importante na vida?

-Ser unha persoa decente, que non sempre se consegue.

-Xa, normalmente a xente ten unha grande opinión de si mesma, que non sempre é real.

-Eu non. No espello véxome feo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Darío Xohán Cabana: «No espello véxome feo»