A derradeira morada do mestre

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Destacadas voces da cultura galega avogan polo retorno definitivo do óleo de Castelao que o Centro Galicia cederá este ano para unha exposición en Santiago

18 ene 2018 . Actualizado a las 14:44 h.

Contra finais deste ano o óleo de Castelao titulado A derradeira leición do mestre sairá por primeira vez da Arxentina, onde foi pintado polo intelectual galeguista en 1945, para formar parte dunha exposición no Museo Centro Gaiás. O cadro reproduce en gran formato unha estampa homónima que formou parte do álbum Galicia mártir, un dos tres que Castelao publicou durante a Guerra Civil, unha denuncia da represión exercida polo bando franquista. É, xa que logo, unha obra fondamente enraizada non só co seu pensamento e compromiso políticos, senón coas mesmas circunstancias que o abocaron ao exilio, no que morreu, en 1950, en Bos Aires. 

A súa cesión por parte do Centro Galicia bonaerense -onde se atopa o cadro- para a exposición compostelá convida a reflexionar sobre a derradeira morada do mestre: un hipotético regreso definitivo desta obra e outras pezas creadas no exilio, algo que sería moi positivo, segundo voces destacadas da cultura galega. «Sería importante traelo para aquí canto antes», sostén o académico Xesús Alonso Montero, quen hai uns días cualificou nun artigo neste xornal a resposta artística de Castelao á barbarie bélica como o «Guernica galego». Alonso Montero apela ao contexto: «Este óleo, como moitas obras ligadas ao patrimonio bibliográfico, documental e artístico do exilio, tiveron moito sentido no seu día para esa gran colectividade galega, pero agora perdeu en significado e importancia». Por tanto, na súa opinión, cómpre que a «autoridade política competente, a Xunta», negocie «canto antes» o regreso permanente do cadro.

Simboloxía e significación

Unha opinión compartida por Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, entidade que lle dedicou o Día das Artes Galegas do 2016 a Castelao. «Sería moi ben recibido», anticipa. O pintor destaca a simboloxía da obra xunto coa significación de Castelao para xustificar un regreso permanente de A derradeira leición do mestre, pero tamén a dimensión material. Quintana Martelo non oculta a súa preocupación pola situación do rico patrimonio artístico do Centro Gallego de Bos Aires -entidade distinta ao Centro Galicia-, que atravesa unha difícil situación económica.

O vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, expón a complexidade dunha posible operación para que o cadro fique en Galicia. De entrada, entende que «forma parte do patrimonio da Arxentina». Sen pronunciarse abertamente a favor ou en contra dese regreso definitivo, cre que as negociacións para conseguilo deberían desenvolverse nun clima de «entendemento e cordialidade». Seixas lembra ademais que Castelao non deixou testamento nin unha «pauta concreta» de cales eran os seus desexos con respecto á súa obra despois de morto, ao estilo do que expresou Picasso de que o Guernica só podería volver a unha España democrática, como así foi en 1981. «¿Ten sentido que A derradeira leición do mestre permaneza na Arxentina? Deberán decidilo alá», conclúe Seixas.

O cadro é propiedade do Centro Galicia, creado en 1979 tras a fusión de catro entidades provinciais. Castelao doara a obra a unha delas, o Centro Orensano, para unha homenaxe a Alexandre Bóveda. Ao seu carón atópase unha vitrina con obxectos persoais do galeguista, o seu escritorio e a máquina de escribir; admiralo é obrigado para todo visitante da sede do Centro Galicia. No 2015 a federación de asociacións Galiza Cultura pediu o seu regreso dentro dun conxunto de iniciativas destinadas a promover a figura e a obra de Castelao.

As circunstancias do exilio

Para o académico Xosé Luís Axeitos son precisamente as circunstancias do cadro as que fan especial o caso desta obra de Castelao. «Non é como algunhas de Seoane, que non se entenden separadas do contexto americano no que foron creadas, senón que é a propia guerra e o exilio os que forman parte da mesma natureza da peza», sinala. Que se poida ver por primeira vez en Galicia, así como un suposto regreso definitivo, sería para Axeitos tanto unha «reparación moral» con respecto a Castelao como unha ocasión pedagóxica de reflexión: «Na vida política a cuestión da guerra aínda non está completamente normalizada e sería bo para que nalgúns partidos pensasen sobre isto». Axeitos lembra que o cadro tamén tiña unha fonda resonancia persoal para Castelao: os seus curmáns Manuel e Xosé, mortos en 1937, eran mestres.