O testamento dun ensinante

OPINIÓN

18 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Recibo con fervor a noticia de que o óleo A derradeira leición do mestre vai viaxar de Bos Aires, onde o pintou Castelao, a Compostela, onde vai ser exposto e onde debería permanecer para sempre. Se así for, a torre da Berenguela, sensible nas grandes ocasións, repicaría dun xeito especial.

O óleo ten a súa prehistoria: foi antes un dos debuxos do álbum Galicia mártir, de 1937, que, con Atila en Galicia, constitúen o noso Guernica. O cadáver do mestre da conmovedora escena fainos pensar na dura represión que sufriu o corpo de profesores de primeiro ensino no segundo semestre de 1936. Eran os mestres que predicaban que o home é un ser portador de dereitos, entre eles o dereito a saír da pobreza e o dereito á cultura, entendida esta como unha cousa que abre os ollos. Tamén falaban das armas da palabra sen sospeitaren que estaban aí, a pouca distancia, os que postulaban a palabra das armas.

O mestre, que se saiba, non morreu polas súas ideas; ao mestre matárono por elas, o que fai a morte máis tráxica. Os nenos que están á súa beira, alumnos sen dúbida na súa humilde escola rural, acollen, na súa dor, un testamento tan terrible como nobre.