Marcos Pereiro: «Non estaba nos meus plans a política»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

hadri_RL

Métese na pel dun rexedor exemplar, co seu discurso típico e un punto cómico que lle vén coma anel ao dedo

26 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O actor Marcos Pereiro (Alemaña, 1981) interpreta ao alcalde de Dorneda en Viradeira, Roxelio, un papel cun punto cómico que lle vén coma anel ao dedo.

-Algunha vez pensou que chegaría a alcalde?

-A verdade é que non. Nunca estivo entre os meus plans a política nin nada disto.

-Interpreta a un mandatario peculiar, con ese discurso típico de «me enche de orgullo e satisfacción». Cales foron os seus referentes?

-Os meus referente foron o telexornal e os faladoiros [ri]. Non tiven ningún en concreto, é dicir, os políticos que saen nos medios de comunicación falan igual e cando son as inauguracións teñen todos ese discurso que parece que vén de serie.

-Como se sente na pel de Roxelio?

-A verdade que moi a gusto, porque é moi divertido. O que se viu ata agora son só unhas pinceladas, pero segundo vaia avanzando se irán vendo máis arestas da personaxe. É un alcalde entregado, non ao uso, que sempre busca o bo para o pobo e está en contra de calquera tipo de prevaricación ou de fraude. Vaia, é un alcalde exemplar.

-E como é iso de que un alcalde tan comprometido coma este comparta teito cun familiar que non lle ten moito respecto ás normas como é Muxo?

-Á familia hai que querela como che vén. Non se escolle, é a que toca. Muxo é o irmán da súa nai e ten que pelexar con ela cando o defende, polo que está metido entre os dous, e dalgunha forma trata de remediar os problemas que da.

-Como é o ambiente no set de rodaxe de «Viradeira»?

-O ambiente é estupendo, marabilloso. Moitos non coincidiramos noutras rodaxes e está sendo moi divertido, algo que despois se traslada á pantalla.

-Terán un grupo de WhatsApp...

-Temos catro: o oficial de Viradeira, un de cotilleo, outro para unha festa que queremos facer e o das audiencias, que están sendo espectaculares.

-Esta vai para Roxelio: Como valora a repercusión económica do posible achado do tesouro do Augusta no seu pobo?

-A verdade é que é unha oportunidade única, que non podemos deixar escapar. Temos que aproveitarnos dos restos que nos deixa a historia para poder ter un futuro coma pobo [ri].

-E, ademais do mesón de Carmela, que outros atractivos ten Dorneda?

-A vila. A xente de Dorneda é o noso maior valor, os dornedenses e dornedesas.