«Ser distinto dá medo»

Borja Casal / H.J.P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A autora aborda a transexualidade nunha novela dende o ámbito do cotián e cunha linguaxe clara e directa

13 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Eva Mejuto (Sanxenxo, 1975) vén de publicar a súa primeira novela xuvenil con Xerais, 22 segundos. Un libro no que un mozo transexual chamado Álex comeza unha viaxe cara si mesmo despois de subir un vídeo á súa canle de YouTube, na que compartirá anacos da súa vida e das súas experiencias.

-Parece que escribir sobre transexualidade segue a ser un tabú. ¿Como se entende «22 segundos» dentro da literatura galega?

-Na literatura infantil e xuvenil galega é a primeira vez que se toca este tema, e na adulta penso que de maneira tan directa non se ten tocado. Nesta historia a transexualidade é o tema central e está claro que segue sendo tabú porque, a estas alturas, non hai ningún libro que toque esa temática cando é unha realidade máis que evidente.

-¿Que a levou a escribir sobre ela?

-Parte todo dunha reportaxe que vin de TVE, El sexo sentido, que falaba da transexualidade na infancia. Todo o que tiña visto estaba vinculado a unha vida nocturna, de prostitución; moi pouco ligado á cotidianeidade. Ver unha criança cunha identidade de xénero marcada que non se correspondía co sexo que se lle asignara fíxome pensar en que faltaba esa visión humana e cotiá dunha realidade que se nos estaba amosando moi dende a escuridade, e non coa normalidade que se debería tratar unha situación que existe en nenos de tres anos. Faltaba esa normalización no trato. A partir de aí dubidei se contar esta historia para adultos ou para mozos. Investiguei e contactei con asociacións como Arelas ou Fundación Daniela. Os datos que topei foron abrumadores. O 70% da xente trans sufriu bullying nalgún momento da súa vida e a porcentaxe de suicidio nos mozos trans era altísimo. Decidín que podería ser máis útil contar a historia para un público xuvenil, aínda que penso que o libro tamén dá para unha lectura máis adulta.

-Álex fala dunha forma moi directa e preséntase cun vídeo que sube a Internet. ¿Son formas de achegar o libro aos máis novos?

-Este é un libro moi breve, que utiliza unha linguaxe moi sinxela, evidente e próxima. A idea era que fose accesible e fácil de ler para chegar a un público amplo, que estivera contado dende a normalidade do cotiá, por iso esa linguaxe informal e moi de andar por casa. Sobre o vídeo co que se presenta, cando empecei a investigar un pouco, encontrei en YouTube unha comunidade que lle servía á xente trans para refuxiarse e comunicarse. Compartían vida e experiencia con outros que están pasando o mesmo e que non teñen referentes. Para min foi conmovedor ver que compartían a peito aberto a súa vida dunha maneira moi xenerosa para axudar a persoas que están na mesma situación.

-O protagonista fala dun tránsito, dunha viaxe cara si mesmo que demostra as dificultades coas que se encontra por ser transexual.

-Esta situación, que pola sociedade que temos se vive como un conflito, ten varios círculos. Un é a complexidade que ten para unha persoa trans asumirse a si mesma. Ser quen de recoñecerse e de recoñecer a túa condición é complexo polas estruturas sociais e familiares, que son moi ríxidas. A familia, o entorno máis próximo, sería o segundo shock. O terceiro sería a sociedade en xeral. O libro parte da asunción desta condición neses tres ámbitos: coa mesma persoa, co entorno familiar e coa sociedade. Vai do máis íntimo ao máis público.

-Chama a atención a relación de Álex co seu avó. A diferenza da nai, o avó entende e acepta ao seu neto tal como é.

-Para a xente maior, cando chega unha certa idade, as cuestión sociais importan menos. O avó rompe estereotipos: é un vello mariñeiro que vive nunha vila pequena. A priori, podería parecer que ten prexuízos co seu neto pero non os ten. Esa é un pouco a idea, romper cos tópicos. Nestas situacións, quen menos o esperas acaba sendo o maior apoio. É un home que pasa bastante do que din os demais, moito máis que a nai, que está máis condicionada polo que-dirán. Por amor ao seu fillo, a nai dille que non se saia da norma, porque vai sufrir. Non o fai por maldade, senón por evitar sufrimentos. Tamén hai algo de medo por asumir o distinto. Ser distinto dá medo porque nos obriga a enfrontarnos a moitas cousas. Algo que se apunta varias veces no libro é que o que non se di non existe. Parece que se non falas, o problema non existe. O avó chega a esa conclusión. Falar as cousas é a maneira de asumilas.