Campás e cantigas compostelás

Amancio Prada contoun cun coro de voces mozas


redacción / la voz

O propósito era celebrar os trinta anos da declaración do Camiño como itinerario cultural europeo. E o deseño do concerto axustouse á perfección ao seu obxectivo. Dende a escolla da catedral -máis que un escenario, protagonista por dereito propio- aos intérpretes e o programa, cunha primeira parte de cancións asociadas a Compostela ou a peregrinación: precisamente a noite arrancou, sen máis preámbulo, co histórico Romance de Don Gaiferos de Mormaltán.

Despois deste inicio no que Amancio Prada se acompañou tan só da zanfona, convocáronse un violín e un violoncello para dar paso a tres pezas, unha viaxe de ida por volta, de Rosalía a Lorca (o cantante explicou emocionado que á penas uns minutos antes puidera ver a sinatura do poeta no libro de peregrinacións do templo). Soaron así dúas cancións emblemáticas no cancioneiro de Prada, Campanas de Bastabales e Adiós ríos, adiós fontes, melodías que forman parte da memoria sentimental de varias xeracións. Son cancións que conectan co máis íntimo, pola vixencia dos versos rosalianos, pero tamén polo acerto melódico do cantante, que nas súas adaptacións consegue que non se poidan concibir estas letras entoadas doutro xeito. A iso engádese unha voz tan persoal como inseparable destas mesmas cancións, e que na catedral volveu soar con esas inflexións tan características. Rosalía entregoulle a «cruz da poesía» a Lorca, quen lle dedicou unha cantiga de berce, interpretada coa mesma altura emocional que as anteriores.

Deste xeito entrouse na segunda parte da velada, dedicada a San Juan de la Cruz, e á que contribuíron as voces da Escolanía da catedral e os Nenos Cantores da OSG, que fixeron a súa aparición cantando Del verbo divino a medida que avanzaban pola nave central e ata situarse na capela maior. Mentres Prada introducía a interpretación do Cántico espiritual, as campás catedralicias puntuaron o seu discurso, dispoñendo o ton, evocador pero tamén enigmático, para o Cántico. As voces mozas dialogaron cumpridamente coa do cantante, ofrecéndose cálidas, enérxicas, misteriosas, segundo o demandaba a interpretación. Foron tamén o estralo de xúbilo axeitado para a propina coa que rematou o concerto, outra peza lorquiana: Romaxe da Virxe da Barca.

Amancio Prada. J. L. Gallego, violín. R. Domínguez, violoncello. Escolanía da catedral, Nenos Cantores da OSG; J. L. Vázquez, director. 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Campás e cantigas compostelás