Solastalxia

Xesús Fraga
Xesús Fraga LUZ DE CRUCE

CULTURA

06 ago 2017 . Actualizado a las 05:50 h.

Dese catálogo aparentemente inesgotable de enfermidades modernas, a solastalxia semella ser a que mellor se acae a esas doenzas provocadas polas accións humanas. De atérmonos á definición do filósofo Glenn Albrecht, a solastalxia nacería do desacougo de presenciar como se vai deteriorando o entorno coñecido e querido sen poder facer nada por remedialo. Solastalxia é ver como as coidadas e vizosas leiras de antano foron comestas polo desleixo e as silvas, como solastalxia tamén é comprobar como na rúa onde un medrou desapareceron as árbores e os xogos dos nenos, substituídos por coches e bancos baleiros de formigón. Doémonos de solastalxia cando o verdor da fraga queda tisnado co negro borrallento que segue ao lume, pero tamén cando acudimos ao noso cómaro favorito a apañar amarotes e comprobamos que foi arrasado polo herbicida ou a poda brutal do cazo dunha máquina.

¿Por que doe a solastalxia? A combinación de males inclúe a sensación de perda, a impotencia ante a súa irreversibilidade e a esmagadora certeza do paso do tempo, ese monstro implacable. O tempo: ata o de agora, a escala do seu movemento acompasábase ao noso, e as paisaxes íntimas nacían, medraban e desaparecían canda as nosas vidas. Pero a aceleración existencial mergúllanos nunha vertixe como só estivera ao alcance do cine, cando nos situaba ante a miraxe de ver fuxir as nubes nun ceo de tormenta infinita.

A solastalxia sería, xa que logo, unha sorte de reverso terrible da saudade, a súa negación asfixiante. A saudade acompáñanos nese traxecto sentimental no que se proxecta unha melancolía íntima para achegarnos ao obxecto do desexo: estendemos a man, a piques de apreixalo, e logo desaparece, deixándonos no solaz do imaxinado. Pola contra, a solastalxia, cuxo étimo suma precisamente solaz, «solacium», con dor, «alxia», aniquila ese espazo de ensoñación, substituíndoo por un abismo inmenso que se traga o noso desacougo. Ese baleiro lémbranos a fraxilidade do que nos rodea, iso que cremos inmutable e que en realidade é tan finito como nós mesmos: a solastalxia tamén é o recordatorio cruel e acelerado de que todo pasa.