Avións de papel é o libro co que Xavier Estévez (Bruxelas, 1969) foi finalista no 2016 do premio Merlín e que se publica agora na colección do mesmo nome. Os protagonistas son dous rapaces que viven en Vigo, Lucas e Sara, que se coñecen de xeito casual: el timbra na súa casa para devolverlle o avión de papel que ela guindou pola xanela. O azar, como adoita suceder tantas veces, conecta dúas vidas ata entón separadas, pero que a partir deste intre comezan a influírse mutuamente. O interese pola escritura e a lectura é algo que teñen en común: non é casual que a novela se estruture sobre a voz en primeira persoa dos personaxes, que se vai alternando nos capítulos ou en anacos de diarios.
Pero, ademais da palabra escrita, tamén está a imaxe. A aparición dun graffiti asinado por Hopper -unha alusión transparente ao pintor norteamericano, citado no libro- que retrata un neno cun papaventos -á súa vez alusión ao grafiteiro británico Banksy, tamén aludido na obra- intriga aos protagonistas, que caen engaiolados polo feitizo desta manifestación de arte urbana. O graffiti, ademais, marca simbolicamente unha separación cunha parte do mundo adulto que non entende estas manifestacións, como tampouco as ilusións dos máis cativos.
Parte gráfica
Xa que logo, Avións de papel conta cunha importante parte gráfica. Marcos Viso recrea con cores matizadas e figuras evocadoras a relación entre Lucas e Sara, incluída a recreación do graffiti de Hopper. Cando remata o libro, Estévez asina unha nota na que relaciona o tema da novela coa sensibilidade pola arte, en concreto o graffiti e a arte urbana. O escritor traza un breve panorama dos artistas vigueses, especialmente Powone, de quen se reproducen fotograficamente un bo número de pezas.