Galicia, ante o seu espello cartográfico

Domingo Fontán iniciou hai douscentos anos os traballos da súa pioneira «Carta Geográfica», homenaxeada agora cun libro e unha reprodución do célebre mapa


redacción / la voz

Hai mapas que ademais de representar un territorio chegan a erixirse nun dos seus símbolos. Un caso paradigmático é a Carta Geométrica de Galicia que en 1834, tras 17 anos de traballo, rematou o xeógrafo e matemático Domingo Fontán. Non só foi un traballo pioneiro que marcou un fito cartográfico e sobre o que se basearon dende estradas ata o ferrocarril, senón que o seu encontro situou a non poucas persoas ante o espello de Galicia. Cunqueiro atopouno de mozo no Instituto de Lugo: «Allí estaba mi tierra, la tierra de mi vocación y mis días, la tierra temporal y la eterna, la tierra que mi lengua -la tierra de mi oscuro acento labrego- necesitaba para soñar». Case dez anos despois, Ramón Otero Pedrayo publicaba Arredor de si, a gran novela da Xeración Nós, e na que o seu protagonista, Adrián Solovio, leva o mapa de Fontán ao leito de morte dun parente. Unha fascinación que se mantén hoxe: Miguel-Anxo Murado emprega como fío condutor do ensaio Otra idea de Galicia a Fontán, de quen Marcos Calveiro escribiu unha biografía novelada.

No ano que conmemora os douscentos anos dos inicios dos traballos de Fontán para a súa Carta, Teófilo Edicións vén de publicar un libro de homenaxe ao xeógrafo, unha idea de José Luis Teófilo Piñeiro con documentación de Lúa López Pomar, e que se acompaña dunha reprodución do célebre mapa. A obra presentarase o vindeiro día 1 de xullo no concello de Portas, na casa da cultura que leva o nome de Fontán. A obra é unha achega breve pero completa á figura e á obra deste pioneiro que tamén foi empresario e político. Deste xeito, o libro ábrese cunha achega biográfica básica, onde se documenta a súa vida familiar e pública, para dar paso a un capítulo específico sobre a súa formación e actividade no eido académico. O seu labor político é tratado nun apartado á parte, antes de centrarse na realización da Carta Geométrica de Galicia e, a seguir, outras das súas producións cartográficas. O volume péchase co testemuño dos recoñecementos que inspirou Fontán, xunto cunha cronoloxía da súa vida e unha bibliografía.

Durante 17 anos, Fontán percorreu Galicia -Murado aventura que se a andou toda non sería esaxerado pensar que coñeceu a todos os galegos contemporáneos seus-, a cabalo e moitas veces á pé, enfrontándose a penurias e dificultades que non conseguiron arredalo do seu propósito. Despois de concluír os seus traballos en 1834, aínda haberían pasar outros catro anos máis ata que viaxou a París para supervisar en persoa a súa impresión: a Carta finalmente saíu á luz en 1845.

Foi un fito por varias cuestións. O seu nivel de detalle tardou moito tempo en ser superado e os mapas anteriores palidecían na súa comparación. Tamén foi novedoso o emprego da escala 1:100000, que máis tarde sería imitado por outros mapas oficiais europeos, así como a adopción por parte de Fontán do metro: a introdución do sistema métrico consegue solucionar os problemas de conversión debidos ás unidades diversas. Outra característica singular é que presenta a Galicia con gran detalle, dende a catalogación de igrexas aos accidentes xeográficos, e no seu contexto, incluíndo unha franxa correspondente a Asturias, León, Zamora e unha parte de Portugal.

Un fito pioneiro que non perdeu a súa capacidade para marabillar, mesmo no século XXI.

Biografía. A unión do tesón e o coñecemento

Domingo naceu en Portas do Conde en 1788. Con estudos de filosofía, teoloxía, ciencias exactas e artes, ademais de idiomas, foi un exemplo do lonxe que se pode chegar grazas ao coñecemento e o tesón. Ademais do mapa polo que é célebre, dedicouse á docencia, dirixiu o Observatorio Astronómico de Madrid, presidiu diversas sociedades e foi deputado en Madrid. Faleceu en 1866 en Cuntis e foi enterrado en Santiago.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

Galicia, ante o seu espello cartográfico