Pilar García Negro: «Eu son galega e quero que se note»

HÉCTOR J. PORTO REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

CARLOS CASTRO

A ensaísta foi obxecto da «Homenaxe ao escritor na súa terra» e xa ten un monólito en Lugo, a súa querida cidade natal

17 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Vén de recibir a Homenaxe ao escritor na súa terra, iniciativa impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). É Pilar García Negro e escolleu a praza de Ferrol, en Lugo, para chantar o monólito e plantar un magnolio: «É a miña cidade natal e onde pasei a infancia e a adolescencia, ata que ingresei na Universidade de Santiago». Volveu xa licenciada, no 75, por catro meses, a dar clases no Seminario Diocesano, ¡en galego!

-Foi pouco tempo, pero foi moi importante. Cumpría 22 anos. Decidín que a docencia para 96 alumnos galegofalantes, todos procedentes do rural, tiña que ser en galego. Debía corresponder nas aulas na súa lingua. Iso foi decisivo despois porque mantiven ese criterio cando, xa no 76, obtiven praza no instituto Eusebio da Guarda da Coruña.

-Non era cousa habitual...

-De habitual, nada. Nin había aulas de Lingua e Literatura galegas. Era algo absolutamente anormal. Había quen me chamaba La gallega, mo dixeron as alumnas. Como se os demais fosen bávaros.

-¿Por que o xardín de San Fernando, na praza de Ferrol?

-Está ao lado da casa onde nacín e do colexio onde aprendín as primeiras letras. Era o noso patio de xogos. Recordo xogar alí coa miña primeira nevarada. Ese espazo é o que me configurou de nena.

-E nel plantou un magnolio.

-Quería un salgueiro ou un freixo, pero non había profundidade suficiente polo párking. Escollín un magnolio, e vin que a AELG falaba de árbore simbólica. Foi cando indaguei e vin que o magnolio vén asociado ás virtudes da dignidade e a perseveranza. Isto é redondo, díxenme, porque coido que colectivamente son virtudes que nos fan falta aos galegos: dignidade nacional e perseveranza para exercer a tempo completo e coa potencia política que merecemos como pobo singular.

-Enxalza o ensino daquela época...

-Con toda consciencia. Facer tabula rasa de épocas históricas é inxusto. Moi lonxe de min envolver en benevolencias o franquismo. Non é que mitifique nin idealice. Pero no bacharelato, tiven profesores nada rutineiros. Ata tiña un catedrático de Historia que era, nada menos, lugartenente da garda de Franco: «Ya sé que soy un repugnante perro fascista», dicía de si mesmo. Pero logo era moi liberal e permitía falar abertamente nas aulas: montabamos debates sobre a pena de morte, os escritores, o 98... E xa non digamos en aulas como a de Relixión, cuxo profesor non puña faltas porque era partidario de que esta materia fose voluntaria. Don Manuel Fuentes, dona Isaura Cepeda... Non teño máis que agradecemento.

-¿Como topa Lugo hoxe?

-O que máis me gusta é ir polos lugares máis vinculados á miña infancia e adolescencia, o que debe ser xa un síntoma de idade: o parque, a praza Maior, a beira do Miño... que supón quilómetros e quilómetros de natación e de correrías de rapaces. Encontro moi ben, claro, todo o que é a parte histórica, ao ser peonil, coa muralla tan monumental coma sempre, o museo que visito a miúdo, porque é unha marabilla... Só me queda o desexo de que haxa máis fondos para preservar os restos romanos.

-A homenaxe na terra dun parece que pide un balance...

-Teño entre mans tres obras. Continuarei coa universidade sénior. En fin, o que a vida me permita e as forzas me aconsellen.

-Vostede é un pouco da Coruña...

-Un pouco, non, un moito [ri]. Levo de veciña na Coruña 40 anos.

-Cando escoitou, na «laudatio» de Carme Fernández Pérez-Sanjulián, iso de «Onde está Pilar está a Galiza», ¿que pensou?

-É a matrícula de honra superlativa á que calquera persoa coma min pode aspirar. Unha hipérbole do afecto e da estima que che teñen. Eu resumín a miña intervención cunha frase esquemática, toda unha filosofía de vida: «Eu son galega e quero que se note».

-Explíquese mellor.

-Hai que dalo a valer, facerse notar. ¿Onde o fixen? Onde traballei. Eu son profesora e escritora. Eses son os meus instrumentos e tratei de utilizar os talentos o mellor posible, como di a parábola evanxélica. Os talentos (son moedas) hai que investilos ben.

-Hai que traballalos.

-Ese foi o ensino que tivemos na casa. Alí sempre se trataron con normalidade os éxitos académicos que tiñamos, por ser simplemente o que había que facer. Hoxe cambiou, todo se premia, todo se retribúe. Na miña casa, cariño todo, alegría, pero máis nada. Sen bobaxes. Era o que tocaba.

-Dígame un autor que represente a cidade de Lugo como ningún.

-Ánxel Fole, polo seu libro Contos da néboa. Pero resúltame difícil prescindir doutros. Citaría tamén a Juan Soto, Luís Pimentel...