Un conto, un lugar, un tempo

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A escritora mindoniense Marina Mayoral, onte na libraría compostelá Numax.
A escritora mindoniense Marina Mayoral, onte na libraría compostelá Numax. Sandra Alonso

Marina Mayoral participou na iniciativa de Numax «Tac, tac, tac»

04 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Marina Mayoral non é quen de usar unha máquina de escribir. Tampouco é capaz de escribir diante da xente. Tiña todo en contra e porén, da súa participación no Tac, tac, tac saíu un texto breve pero intenso. Que recendía a mazás. Ao primeiro amor. A un bico que nunca se esquece. Escribiuno a man, como facía con todas as súas novelas ata que na súa vida se cruzou o computador. E, de súpeto, tecleaba.

Premía nas letras silenciosas que ían substituíndo o bater constante da máquina de escribir, este tac, tac, tac, pom [cambio de liña] que por un anaco asolagou a libraría Numax. Facía José Manuel González Herrán, catedrático de literatura, o labor do que tanto tempo se encargaba unha secretaria que cobraba moito, pero cobraba o que tiña que cobrar: pasar a máquina o texto que Marina Mayoral trouxo escrito nunha das follas deses cadernos que mercou en París cando foi traballar alí, «de papel satinado onde a estilográfica corría» e a tinta violeta ía deixando primeiro historias, que riscaba, que corrixía, que cambiaba. E que logo deixou reservado para as súas notas e lecturas. Porque a arte de escribir é a arte de reescribir. De cada novela de Marina Mayoral había catro versións. Cambia textos, recorta de aquí, engade acolá, e agora a páxina 12 é a 24, e á vez a 36 é a 42. Ese reescribir, borrar, mellorar, quitar ese adxectivo que sobra, poñer esa coma que falta, mellor un punto, ou mellor non, mellor como estaba, desapareceu para sempre no computador. Unha tecla e zas. Todo cambia. Mellora o estilo, recoñece a escritora. E a máquina de escribir co seu tac, tac, tac, pom, onte deixou no escaparate da libraría Numax unha voz masculina, a daquel Quique de once anos que perdeu a Mercedes, e que hoxe lle manda unha mensaxe de móbil en móbil. Os que fotografaban o milagre en marcha.