Melena e chalina

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

CULTURA

17 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai cen anos xustos, Xavier Bóveda dedicáballe un exemplar de El madrigal de las hermosas (1917) «A mi queridísimo primo Eduardo B. Amor, para que mate sus ocios con la lectura de este mi primer libro…». Aínda que resulte doado de identificar, o parente non era tal, os da costela éranlle os Bóveda Amor, medio irmaus do falso primo. Si é certo que Javier (axiña Xavier), un ano menor que Eduardo, era entón O poeta. Nado en Gomesende, fillo dun carpinteiro de caixas de defuntos, trasládase a Ourense, onde traballa de recadeiro nun café, o que lle permite darse a coñecer como vate entre a burguesía. Mentres descobre, fascinado, a Rosalía e a Curros, trata a Risco, Rodríguez Sanjurjo, Florentino Cuevillas, Eduardo Neira, Emilio Amor e Rey Soto, alterna polas noites con Otero Pedrayo e Noriega Varela, comparte angueiras con Montes, Fernández Mazas, os irmaus Cid, o porteño Bernárdez e Blanco-Amor. Escribe en La Voz Pública, republicano-liberal e no monárquico-conservador El Diario de Orense, afín ó redondelán Gabino Bugallal, varias veces ministro, presidente do Congreso e do Consello, o seu principal valedor. Abducido polos versos de Emilio Carrere plántase en Madrid, con tres pesetas e pico no peto, para coñecelo. Natural, espontáneo, sen estudos, entra na avangarda da mau de Cansinos Assens, faise íntimo de Pedro Luis de Gálvez, o de El sable, arte y modos de sablear (1925), que conta as incribles peripecias de Bóveda na famenta bohemia. Escadasí, il aproveita para trabar amizade con Basilio Álvarez, que lle presenta a destacados paisanos, como Novoa Santos. De volta en Ourense, entra no cenáculo de La Centuria e tira do prelo, coa axuda do dentista ruso Wladimiro Dainow e de José Zarauza, o seu Epistolario romántico y espiritual (1917), mais, outravolta, a «infamia malsana» fáiselle insoportable. Na vila e corte toma parte no manifesto Ultra, recita con Gerardo Diego, Borges, Garfias, Cira Escalante… e publica Los poemas de los pinos (1920), rachando co ultraísmo. En 1923 cruza o Atlántico e bota tres meses en Buenos Aires. Retorna de contado a América, afincándose na Arxentina. En 1963 viaxa a Madrid coa intención de xestionar a representación do seu teatro. A penas un mes despois falece dun infarto. Quizais fose o ourensán máis literario, o que máis loitou pola gloria. Miúdo, feo e esbrancuxado, sorríalle ó esquecemento.