A doce luz das pequenas cousas

Héctor J. Porto FUEIRO DE CARBALLO

CULTURA

02 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Casares sempre será o autor dos relatos de Vento ferido (1967) e Os escuros soños de Clío (1979), da novela Xoguetes para un tempo prohibido (1975). É o home que baixou a literatura galega do pedestal da solemnidade, que introduciu a narrativa oral no terreo da escrita culta, recurso que dende entón non precisou de lexitimidades alleas. Que ninguén esqueza o enorme valor que a súa ollada periodística tivo nestas achegas. A súa mirada cristalina e chea de fino humorismo resultou clave nun camiño que foi trazando e que extraía esa doce luz das pequenas cousas que outros, cun intelecto superior e unha prosa máis requintada, non souberon ver. Casares, coa pluma mollada en repousadas tintas, traía ás súas columnas un enfoque literario sobre a realidade cotiá que devolvía o protagonismo aos seres do común, a esas xentes que xa enchían as conversas de lareira ou de terraza. Como gran renovador da narrativa, fixo unha transición tranquila, dende a tradición á modernidade, sen ruídos innecesarios, sen colgarse medallas, sen perder o sorriso. Como no xornal, paseniño, Carlos, amigable, memorioso, de artigo en artigo.