Un libro e un disco reivindican o lugar do pito pastoril na música galega
CULTURA
Publican o primeiro manual práctico e historia deste instrumento popular
20 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.O pito pastoril, un instrumento de orixe popular, ten ás súas costas unha longa presenza en Galicia, onde co paso do tempo foi experimentando unha evolución propia. Agora, unha nova xeración de intérpretes reivindica o seu lugar na música galega, converténdoo en protagonista de discos e libros. Son os casos de Efraím Díaz, autor do disco Pito galego (Inquedanzas Sonoras), que contén 19 pezas para este instrumento, en solitario ou con outros sons, ou Moisés Quintas, responsable do primeiro método práctico e historia, publicado por Ouvirmos e que presenta hoxe cun pequeno concerto en Santiago (Pazo das Musas, 20 horas).
O libro de Quintas propón unha historia completa do pito, xunto coa información para quen queira iniciarse ou perfeccionar o seu dominio do instrumento, con exercicios de técnica -de afinación e dixitación á respiración-, melodías tradicionais e mesmo o necesario para construílo. «Como di o músico Joaquín Díaz, os instrumentos non son de aquí nin de alá. No mundo hai moitas frautas e o pito galego é unha delas», explica Quintas, antes de engadir que a súa evolución en Galicia o foi achegando á gaita: «Un uso moi estendido foi como iniciación á gaita para cativos, que escoitaban aos gaiteiros e facían o seu pito con cana ou pau». Pero Quintas, como proba o seu traballo e mais o disco de Efraím Díaz, está convencido de que o pito pastoril dá para moito máis. «Se o pito está ben feito ten moitísimos recursos interpretativos, tanto en solitario como para acompañar gaita, zanfona ou outros instrumentos», reivindica. El ten claro que é «un instrumento máis, sen máis ou menos importancia», pero gustaríalle que se lle «recoñecesen os seus valores» e que non quedase en desuso «por esa tendencia de valorar máis o alleo que o propio».
Ademais de estudosos e intérpretes, o pito galego tamén conta con artesáns. Quintas cita os nomes históricos de Basilio Carril e Paulino Pérez como referencias, xunto cos máis actuais Antón Corral e Miguel Mosquera. Corral, por exemplo, tomou un pito de Carril en mi e ao pasalo a re ampliou as posibilidades do instrumento para a súa interpretación con diversas formacións.
Malia isto, o pito foi durante anos tan popular que tamén a súa fabricación o era. Quintas conta que o veterano gaiteiro Pepe Temprano lembra como sendo neno os vía nas feiras, e tamén como calquera rapaz facía un de seu cunha cana. E este é un eido no que Quintas cre que se pode volver traballar moito. «Eu son mestre de música e co alumnado facemos pitos, mesmo con material de refugallo, e están encantados cando os escoitan soar, valórano doutro xeito», describe. Quintas cre que este sería un bo xeito de reivindicar tamén unha maior presenza do traballo manual na escola e espera que o seu libro e a web que o acompaña (www.pitogalego.gal) poidan axudar nese cometido.