«O Seixo»

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Para un afeccionado á historia contemporánea, 200 anos (1730-1930) da vida do lugar mariñeiro do Seixo -en Mugardos, na outra banda da ría, como din en Ferrol- pode parecer ben pouca cousa. Todo depende de se o conto está ben narrado, de se o que se refire posúe un sustento sólido. Pero é que a historia local é piar fundamental da gran historia, e deixa de ter un interese local cando o que a expón sabe do que fala e que contar. E iso é o que ocorre cando o profesor Bernardo Máiz trata asuntos do mar, da ría ou da historia de Ferrol e a súa contorna, como ten confirmado na súa longa traxectoria profesional. Vocación, criterio, investigación, dedicación e amor polo obxecto de estudo conflúen no seu labor rigoroso. Nesta ocasión ademais centra as pesquisas no seu querido Seixo... Saber e sabor, como di aquel spot: o sabor do idioma e da oralidade que tan harmonicamente manexa Máiz. Porque á fin iso é o que promove este libro: facer falar a memoria das xentes do común, como apunta no limiar o historiador Guillermo Llorca.