O escritor toma conciencia de Galicia, da identidade, a cultura e o idioma propio nos seus anos en Arxentina e Cuba, e dende alí comezou a facer país
28 nov 2015 . Actualizado a las 15:19 h.
A voz. E, sobre todo, a memoria. Igual que os americanos contan coa Biblioteca do Congreso -onde un pode topar rexistros de Billie Holiday ou Coltrane, retratos de Abraham Lincoln ou gravacións de televisión de Martin Luther King-, os galegos tiñamos (e temos) a Xosé Neira Vilas, a súa obra. El é a memoria recobrada da emigración galega, á que lle deu voz, como tamén deu voz á Galicia labrega que carecía dela, e que precisamente estaba ferida de gravidade polo éxodo dos seus mozos. Estase a falar, ademais, de dous colectivos que son piares fundamentais da construción do país e que recuperaron a dignidade grazas en boa medida ao esforzo e o tesón do escritor crucense. Ata el mesmo tivo que cruzar o Atlántico para albiscar que algo que parecía normal -dende o fogar no que medrou como neno- non o era tanto. A terra estaba asoballada, e viuno, pero sen romanticismos épicos. Así, na emigración, toma conciencia de Galicia, aprende Galicia, entende a súa identidade e coñece da importancia da cultura e a lingua propias. Antes, na súa casa, dicía, foi un ignorante máis. É dende fóra como comprende a necesidade de devolverlle a estima aos galegos e á aldea, si, a aldeia de Balbino. En Galicia, todos formamos a comunidade emigrante e todos fomos (e somos) nenos de aldea. Ese convencemento move toda a súa obra.
Dende Memorias dun neno labrego (1961), que edita en Bos Aires no selo Follas Novas, que fundou en xullo de 1957 xunto coa súa muller, a cubana Anisia Miranda, ata Romaría de historias, que apenas leva unha semana nas librarías da man de Galaxia, a literatura de Neira Vilas é vida, é o regreso aos devanceiros, ao agro, ás paisaxes da infancia, aquel paraíso cheo de personaxes cabais, protectores, sabios, un universo pegado á historia e a realidade e á vez cheo de maxia.
Neira Vilas foi o pai de Balbino e, dalgunha forma, o pai de todos os galegos. Xa fora dende Cuba ou dende Arxentina, con iniciativas como a fundación do colectivo Mocidades Galeguistas ou a citada editora. Nesa liña está a reivindicación que fixo cando ingresou no ano 2001 como membro da RAG, ao recordar que a propia Academia, a bandeira e o himno galegos naceron da afouteza da emigración. Eloxiou aquela época dourada que, dicía, brillou pola xenerosidade dos que se foron e tamén dos que os acolleron. A vergoña non estaba na emigración, nos emigrantes, senón nas circunstancias que obrigaban a marcha do país. Había que falar dos emigrantes con fachenda, con orgullo, nunca dobrando a cerviz, sen aceptar humillacións. Hoxe, grazas ao empeño de xente como el, todos saben que a emigración é un dos maiores patrimonios de Galicia.