A nova iniciativa do programa FalaRedes fará escala en trinta localidades nos meses de outubro e novembro
09 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Coa chegada do outono, tempo de xuntanzas ao carón do lume para escoitar as historias transmitidas de xeración en xeración, o programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística porá en marcha unha xira a cargo de tres contacontos coa que recuperar esa tradición oral galega. Os actores Ana Carreira, Inacio Vilariño e Santi Prego percorrerán con Contos en Rede as vilas e rural galego, facendo escala en 27 municipios e 3 mancomunidades nos meses de outubro e novembro. Os narradores viaxarán por separado aos distintos recunchos de Galicia para achegarlles contos novos e vellos, cheos de humor ou de intriga, dirixidos a reunir de novo a grandes e pequenos en torno á cultura oral, nunha xeira de espectáculos de entrada libre que comezarán esta mesma fin de semana.
Un dos contadores implicados na iniciativa, Santi Prego, destacou o interese de «levar a cultura e artes escénicas ao rural e a unha serie de sitios que non poden sempre acceder a unha gran infraestrutura». O narrador coruñés cualificou a súa proposta como «o teatro máis pequeño do mundo», feito a partir de romances e contos tradicionais e relatos literarios, que irá «adaptando» en función do tipo de público.
Inacio Vilariño, pola súa banda, propúxose nesta xira «asumir o labor de redescubrir ao demo», tras comprobar nos circuítos escolares que esta é unha figura «completamente descoñecida para os rapaces». O demo será, pois, o fío condutor nas intervencións do contador lalinense, quen se servirá «do romance portugués e a alteración da tradición para traelos ata hoxe».
Finalmente, Ana Carreira encargarase de espallar pola xeografía galega tres contos propios, un da tradicion oral e outro de Álvaro Cunqueiro. «Veño de Friol e contarei pequenas historias, de xente pequena, da miña autoría e da tradición oral que nacen neses lugares onde acaban os camiños», sinalou a terceira narradora de Contos en Rede.
A xira de contacontos ten como obxectivo final «poñer en valor a tradición oral galega, que é un tesouro do acervo cultural colectivo», sinalou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. Así mesmo, busca «fomentar o emprego da lingua galega entre o público familiar», abrir unha «reflexión máis interna» sobre o uso do idioma e facilitar, por outra banda, o traballo para os artistas que fan as súas propostas en galego, tal e como destacou o secretario xeral, quen incidiu na posibilidade que a xira dá aos actores de «recibir un feedback» e aproveitala para «a recolleita de historias».
As primeiras funcións de Contos en Rede son mañá en Carballedo e Zas, e a xira continuará este mes por A Lama, Mondariz, Carral, Viana do Bolo, A Cañiza, Salceda de Caselas, San Cristovo de Cea, Barro, Cabana de Bergantiños, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Ponte Caldelas e Pereiro de Aguiar. E xa en novembro, os contos chegarán a Corcubión, Valga, Outes, Arzúa, Cuntis, Rois, Outeiro de Rei, Vilaboa, A Baña, Val do Dubra, Palas de Rei, Quiroga, Ordes, Boiro e Cotobade.