970

Félix Carreira

RELATOS DE VERÁN

Relato de verán de Félix Carreira. 30 anos. A Coruña

01 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Non ía ser a primeira vez que empuñara unha espada. Xurxo apertaba o seu escudo contra o peito mentres mantiña a formación.

Era un mozo de bo lombo, valente e teimudo; quizais non o máis listo, pero arre demo se tiña clara a razón pola que ía pelexar e pola que ía matar.

O 29 de marzo do 968 loitou baixo as ordes do bispo Sisnando Menéndez (en paz descanse), defendendo as portas de Compostela do peor inimigo coñecido, por riba do mouro: os noruegueses.

Saídos da terra onde Deus os abandonou, viñan con sede de sangue a afrontar aos bos cristiáns da Galiza. Case tres anos despois, e ás ordes do veterano conde Gonzalo Sánchez, co desexo de vingar a morte dos seus e o cruel asasinato do santo bispo.

Xurxo esfórzase por non tremer. Non ten medo, sábese protexido por Deus e o apóstolo Santiago, mais pódenlle os nervios e a cota de malla fai que a friaxe da mañá cale nos seus ósos.

O plan é sinxelo; interceptarán aos herexes a súa volta ás augas da ría de Ferrol, que regresan cargando cos tesouros roubados e con inocentes convertidos en escravos. Xurxo, xunto cos máis veteranos, forman a primeira liña mentres outro grupo se agacha entre as árbores.

Non tardan en aparecer. O corazón de Xurxo latexa con forza, dispón a lanza, os herexes cargan posuídos polo demo, mais Deus protexe.

Os escudos paran a carga, como un so brazo as lanzas devolven o golpe, os noruegueses vense rodeados. Xurxo cobra dez vidas abríndose paso até o xefe normando, Gunderedo, que loita como un lobo antes de ser atrapado.