Belas Artes esixe protección para 13 edificios do movemento moderno

H. J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

M. Moralejo

Demanda á Xunta a súa inclusión no catálogo de bens culturais

28 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A arquitectura de mediados do século XX non ten a protección axeitada. O paso do tempo aínda non a cubriu coa súa pátina lexitimadora. Así o pensa a Academia Galega de Belas Artes A Nosa Señora do Rosario, que decidiu solicitar á Xunta que tome cartas na defensa deste patrimomio. En particular, se refire a Academia ao movemento moderno (comprendido entre os anos 1925 e 1965), do que presenta á Administración autónoma unha listaxe de trece edificios para a súa inclusión no catálogo de bens culturais. A selección, xa elaborada pola delegación ibérica da Fundación Docomomo (Documentation and Conservation of buildings, sites and neighbourhoods of the Modern Movement), integra barrios, conventos, colexios, fábricas, igrexas, lonxas, edificios residenciais, equipamentos universitarios e ata un encoro. O vicepresidente da Academia, o arquitecto Celestino García Braña, enxalzou a importancia destas obras: «Teñen un valor cultural de primeira magnitude, igual que unha igrexa románica ou un pazo do século XIX. Para entendernos, estamos na época do formigón, o vidro e o ferro, así como na da funcionalidade e a industria».

García Braña anota que o movemento moderno pode contabilizar preto de 200 instalacións relevantes en Galicia, das que «unhas setenta ou oitenta» son fitos especialmente sinalados. A nómina que lle achegan á Xunta, matiza, só fala das 13 que o informe de Docomomo sitúa na comunidade das 256 que localiza en toda España.

As 13 arquitecturas elixidas son: o mercado de Santo Agostiño (1932), o poboado mineiro de Fontao (1954), a fábrica Cross (1954), o edificio residencial Plastibar (1957), o encoro de Belesar (1959), a lonxa coruñesa do Gran Sol (1960), a igrexa da Cruz do Incio (1960), a Universidade Laboral (1961), a igrexa parroquial Nosa Señora das Neves (1962), o barrio das Flores (1965), o colexio vigués Saladino Cortizo (1965), o convento ourensán das Carmelitas Descalzas (1965) e o colexio dos Milagros de Baños de Molgas (1965).