«Días de Cuba»

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

22 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O 2 de xullo de 1961 Xosé Neira Vilas aterrou na Habana nun voo no que tamén viaxaba o cantante norteamericano Pete Seeger. O escritor galego e maila súa dona, Anisia Miranda, iniciaban así unha estadía na illa que se prolongaría ata 1992, converténdoos en testemuñas privilexiadas dos primeiros anos da revolución castrista e a súa consolidación. Esta experiencia é a que recolle Neira Vilas en Días de Cuba, un libro no que o autor de Memorias dun neno labrego fai memoria da súa experiencia na illa. O volume divídese en catro grandes apartados. O primeiro aborda os diversos oficios que desempeñou Neira Vilas, tanto no eido industrial como no do xornalismo e a literatura. A seguir, retrata a algunhas das personalidades que tratou, como Nicolás Guillén e Alejo Carpentier, entre outros, para continuar cun longo capítulo que recolle as cartas que lle remitiu a Luís Seoane e que reconstrúen aspectos diversos da vida cubana dende os ditos populares á arte, pasando pola presenza dos emigrantes galegos. A cuarta parte céntrase nas vidas de José Martí, o Che Guevara e Fidel Castro. Pechan o volume, que conta tamén con catro apartados con fotos a cor, tres textos a xeito de gratitude e despedida e dous discursos de temática cubana, pronunciados na Habana e Santiago.

Días de Cuba

Xosé Neira Vilas

Editorial Galaxia

430 páxinas

27 euros