Moitos ilustradores galegos están gañando premios e traballando para editoras e publicacións de todo o mundo, xerando riqueza económica e cultural, pero fóra de Galicia. ¿Está aproveitando a industria galega do libro este momento excepcional dos debuxantes? ¿É a ilustración galega profeta na súa terra? Moitos problemas quedan por corrixir para que isto sexa posible. Temos un poder político que ignora aos ilustradores á hora de programar feiras internacionais, e un sector editorial que segue en demasiadas ocasións sen valorar a nosa importancia como autores nin conta con nós para os foros de debate, premios ou congresos. A isto se suman anomalías como a resistencia de espazos como o CGAC ou o MARCO a abrir as súas portas á arte da ilustración contemporánea na que Galicia é un referente. Estamos nun momento no que sería importante unha revalorización do labor do ilustrador, unha reformulación das relacións cos poderes públicos e coas editoriais, e que o noso traballo poida ser útil para axudar a crear unha industria galega do libro máis forte e competitiva a nivel mundial.