O estudoso sae ao paso da crítica de Seivane e defende as distintas versións do instrumento
20 dic 2013 . Actualizado a las 09:22 h.Xosé Lois Foxo tiña xa esquecida a histórica polémica en Galicia entre os defensores da gaita máis común nas nosas vilas e aldeas e a que puxo el de moda a través da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e que actualmente empregan milleiros de músicos nunhas 150 bandas. Trátase dunha gaita, que uns chaman marcial, que mestura a galega coa escocesa. O pasado venres, un concursante do Luar, Denís Rodríguez, empregou este instrumento e Susana Seivane, que estaba no xurado, afeoulle o seu uso. Deste xeito volveu a abrirse un debate que inundou as redes sociais de comentarios a favor e en contra.
Foxo -que acudiu onte a Lugo a presentar o seu cancioneiro audiovisual de Oencia, no Bierzo- tomouse o asunto con paciencia e deixou ben clara a súa postura. Non esquivou as críticas de Susana Seivane cara el e que publicou onte La Voz de Galicia. A historia entre eles vén de vello. Hai anos xa dixera Xosé Lois Foxo que a gaiteira aprendera del, «aínda que ela non o diga».
-¿Defenda o uso da gaita que empregan as bandas?
-Hoxe, as gaitas que empregan as bandas xa forman parte do patrimonio galego, son un motor para a mellorar dignidade da gaita en Galicia. Foron feitas para pór ao servizo do mundo das gaitas e para axudar ás bandas a que mellorasen a súa imaxe, a súa estética. A que empregamos trátase dunha versión da gaita galega evolucionada, pero hai ampla documentación sobre o seu uso tradicional no norte peninsular.
-¿Que lle pareceron as declaracións de Susana Seivane contra o uso da gaita das bandas e contra vostede?
-Niguén debe erixirse no auténtico defensor do que é ou non é a tradición, ou do que se debe tocar ou non. Creo que fai falta máis información sobre de onde proceden as gaitas e dedicarlle un pouco de tempo a ver como foi evolucionando este instrumento. Teño pendente un traballo iconográfico sobre a gaita que amosará de onde procede cada versión. Espero telo acabado en breve. Levo toda a miña vida dedicado a este instrumento e creo que algo sei sobre el. (Xosé Luis Foxo é autor de Os segredos da gaita, auténtica biblia para moitos intérpretes e que xa vai pola súa sexta edición).
-Pero Seivane dixo que vostede «enriqueceuse con todo este invento subvencionado con cartos públicos por Balta e Fraga»?
-Para nada me lucrei. Non ten sentido ningún dicir iso. Eu non fago gaitas, son eles os que as venden, son eles os que as fan. É curioso que son os que fan as gaitas os que se queixan. Creo que é necesario que nos respectemos un pouco uns aos outros e non entrar en tonterías. Que cada un faga coa gaita o que mellor poda, non son quen para dicir o que debe facer cada un. Eu coñezo a gaita que usan as bandas, ten unha evolución e forma parte do patrimonio galego. Creo que é necesario que as persoas que falan contra as gaitas que empregan as bandas dediquen tempo a coñecer como foi a evolución do instrumento.
-Teño entendido que vostede recomenda aos seus alumnos que usen e merquen a gaita que fan os Seivane.
-¡E que ten unha afinación fastántica! Si que a recomendo, polo seu son, polos seus contrastes fantásticos. E ademais, a tonalidade da gaita dos Seivane fíxena eu por encargo do avó de Susana, Xosé Manuel.
-¿Canta xente emprega en Galicia a gaita que propuxo a banda da Deputación de Ourense?
-Cada vez máis xente. Pode haber ao redor de 150 bandas. En Asturias case o 95 por cento dos gaiteiros emprégana e o cinco por centro restante usan a simple, ou común. En Galicia crece o seu uso, por iso foron creadas, para axudar a que a gaita se faga máis viva e presente na sociedade. Fixémolo como unha contribución, documentada na tradición, para o beneficio da música galega. Creo que é necesario separar conceptos, por un lado o que son as bandas e por outro un grupo tradicional, o clásico cuarteto de gaitas. Para min, o importante é dar unha imaxe positiva da música galega, con calquera das opcións. E a filosofía que propoñemos nós é a de coller a tradición e mantela cunha evolución coa fin de darlle vida ao instrumento e dignificar á música en Galicia.
-Segue a investigar nas tradicións e acaba de presentar un cancioneiro sobre a música e as cancións en Oencia, no Bierzo, xunto ao Courel.
-Para min este libro audiovisual é unha resposta ás críticas que veño de recibir de persoas que non teñen moita ocupación. Estou moi satisfeito deste traballo porque recuperamos temas que poden desaparecer, xa que falamos de pobos abandonados. Hai trinta anos recollín as músicas do Courel en tres tomos e mil melodías e agora coas do Bierzo, son do mesmo tronco cultural e supoñen unha achega importante para preservar o patrimonio musical.