Fran Godón: «O máis divertido é ser actor, pero é o que peor se me dá»

Explica que a desaparición de premios é «unha moi mala noticia»


Redacción / La Voz

Ten unha compañía, Ut-Tópico, e alterna todos os oficios que un teatro pode ofrecer. Fran Godón gañou o premio Abrente de textos teatrais cunha obra, Diante do espello, que ía para montaxe pero deu unha pequena volta polo mundo da escrita escénica.

-¿En que consiste Diante do espello?

-En principio era un texto para escenificar. Unha encarga que quedou aparcada. Foi entón cando decidín darlle unha volta á escrita e presentalo ao premio. É unha peza para dúas actrices que se sentan en dúas partes simétricas do escenario e que teñen ao público como espello. Elas van falando da súa vida, do que van facer ao día seguinte. Falan co espello, pero non entre elas. Segundo avanza a obra vaise descubrindo que teñen máis cousas en común.

-¿Os premios son a única saída para os dramaturgos?

-Eu son profesor de secundaria. Empecei a facer teatro porque me gusta e vou facendo máis cousas. Pero os premios son como unha táboa de salvación para quen escribe teatro. Por iso a noticia da desaparición de convocatorias é unha moi mala noticia. Non hai traballo no mundo escénico e os premios son das poucas cousas que podes facer.

-Vostede ten unha compañía. ¿Escribir teatro é o resultado das necesidades da compañía?

-Non me considero escritor. Gústame facer teatro. Cando comecei, atopei o código para comunicar co público. Pero no teatro sempre penso primeiro no grupo humano. Escribo pensando na posta en escena. Prefiro escribir ensaiando, facendo traballo práctico. Cóstame moito comezar a escribir.

-¿Que vida cre que lle espera a esta obra?

-Querería facela e gustaríame dirixila eu porque parte da concepción da obra non está no texto e a min préstame facer o deseño escénico. Sucede que agora imos comezar un novo proxecto escénico e quizais terá que esperar un pouco. En calquera caso, o malo das obras non é facelas, o malo é distribuílas, que as programen e que paguen por representar.

-Hai unha pregunta tópica: ¿prefire escribir, dirixir, interpretar?

-O máis divertido de todo é ser actor. ¿Quen recibe os aplausos? O actor. ¿Quen conta a historia? O actor. Profesionalmente creo que me gusta máis dirixir, tomar decisións. Pero estar no escenario é o máis divertido e o que se me dá peor.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Tags

Fran Godón: «O máis divertido é ser actor, pero é o que peor se me dá»