O premio Álvaro Cunqueiro pasará a ser bienal

Os galardóns escénicos da Agadic non se convocarán ata finais de ano


SANTIAGO / la voz

Os premios escénicos que ata agora convocaba anualmente a Axencia Galega das Industrias Culturais pasarán a organizarse cada dous anos, de xeito que as próximas edicións do Álvaro Cunqueiro, do Manuel María e mais do Barriga Verde se realizarán a finais deste ano para que sexan resoltas durante o 2014.

Segundo a Agadic, a convocatoria bienal destes premios é o xeito de mantelos en época de restricións. Para a axencia, coa convocatoria para o vindeiro ano 2014, o premio Álvaro Cunqueiro quedará sincronizado co Rafael Dieste que acaba de fallar a Deputación da Coruña e que tamén se celebra de xeito bienal. Segundo a Agadic, o Cunqueiro e o Dieste alternaranse ano con ano, de xeito que todos os anos haberá en Galicia un premio importante para textos teatrais convocado institucionalmente.

No caso dos outros dous galardóns convocados pola Agadic, o Manuel María de teatro infantil e o Barriga Verde de textos para monicreques, a axencia tivo en conta que nos últimos anos os xurados deixaran desertas algunha das edicións e que o ritmo bienal pode ser axeitado para ambos os dous xéneros.

Ademais da redución orzamentaria, a Agadic ten previsto utilizar os anos en que non se organice o premio para editar os textos dos gañadores. Neste sentido, a Agadic pretende aproveitar este 2013 para publicar os textos distinguidos nos seus premios desde o 2011 para acá e que aínda non foron editados, entre eles A cegueira, de Marcos Abalde; O refugallo, de Paula Carballeira; Isóbaras, de Gustavo Pernas; e Un mosquito de nome Henri, de Raúl Dans.

Axudas ao talento

A Agadic tamén fixo público a liña de axudas ao talento para producións audiovisuais que, segundo a nova convocatoria, terá unha dotación total de 66.000 euros, aproximadamente a metade da última vez que se celebrou esta modalidade. Os proxectos poderán presentarse ata o día 1 de agosto. Para a escrita de guións, a contía por obra será de 5.000 euros, mentres que para curtametraxes a axuda será de 6.000 euros. Os proxectos só se poderán presentar a unha das dúas modalidades.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

O premio Álvaro Cunqueiro pasará a ser bienal