Roberto Vidal Bolaño, o escritor que retratou a Galicia do século XX

Camilo Franco LA VOZ

CULTURA

Quixo que Galicia tivese un teatro propio e manexase arugmentos propios. Definiu unha maneira de escribir para a escena e a súa decisión foi decisiva para a posta en marcha do teatro profesional galego

11 may 2013 . Actualizado a las 17:06 h.

Había un teatro por inventar e alguén tiña que poñerse a facelo. Foi Roberto Vidal Bolaño quen se puxo a artellar un teatro galego autosuficiente, capaz de explicarse a si mesmo mentres explicaba o país ao que pertencía. Un teatro interesado en conseguir maiorías e conectar as linguaxes que estaban por vir coas que sobreviviran aos anos da represión.

RVB foi un home práctico e un dramaturgo multitarefa. Foi precoz e serio, discutidor e irónico. Converteu unha dedicación nun oficio, pero non foi maxia nin potencia sindical: foi teimosía e habilidade. A biografía de Roberto Vidal Bolaño é curta. Naceu un 25 de xullo pouco despois da foguetería festiva de Compostela e desapareceu 52 anos despois, cunha liña vital na que couberon moitas novidades, moitas estreas e as inevitables decepcións, porque o mundo, por moi bo que sexa, nunca é tan bo como quixéramos.

Vidal Bolaño foi un home práctico. Comezou a traballar sendo un neno, estudou case en paralelo e tivo como primeira intención estudar cine. Eran os tempos nos que a escola de cine, en Madrid, era niño de xentes a contracorrente do franquismo. Pero a escola pechou xusto cando RVB estaba en disposición de ir a ela. Case ao tempo, levado pola gana de contar historias e por algúns autos escénicos que se facían polas festas de Compostela, comeza a facer teatro mentres mantén unha vida laboral paralela.