Gustavo Pernas gaña o Álvaro Cunqueiro e Raúl Dans o Barriga Verde de teatro
CULTURA
O xurado declarou deserta a categoría del textos de teatro de monicreques para adultos e tamén a do premio Manuel María para teatro infantil
27 nov 2012 . Actualizado a las 13:13 h.A Gustavo Pernas Cora só lle faltaba o Álvaro Cunqueiro para incorporarse ao club de dramaturgos galegos recoñecidos con este galardón e máis co Rafael Dieste, os dous principais para textos que ofrece Galicia. No día do seu 53º aniversario o autor de Paso de cebra pode celebrar a concesión do Cunqueiro por unha obra, Isobaras, que para os tempos que corren «é unha superprodución».
Pernas explicou no momento de recoller o premio que a obra ten oito personaxes e que este feito, «implica que unha compañía privada como a miña non podería asumila, estaría ben que o Centro Dramático Galego si puidese». O escritor agradeceu un premio que rompe «esa invisibilidade na que permanecemos o máis do tempo os dramaturgos» e aproveitou para reivindicar que se publique o texto da obra para que o premio «non quede na casa». Isobaras é unha obra de oito personaxes «atrapados pola mesma presión atmoférica e que non se pode saber ata o final se reaccionan deixando facer ou se se xuntan para facer algo por cambiar as cousas».
Raúl Dans -gañador do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques-non acudiu a recoller o seu premio por problemas de traballo pero remitiu á organización unha nota na que sinalaba que o texto premiado, Un mosquito de nome Henri, permitiulle traballar noutro rexistro e pagar unha débeda. Dans lembra que a súa obra está marcada pola desesperanza pero que ao dirixirse a rapaces «puiden escribir en positivo e ter unha historia con final feliz». Por outra parte, explicou que con este texto «pago unha débeda que tiña coas miñas fillas de escribir unha historia para elas, xa son algo maiores pero espero que non sexa tarde de todo».
O xurado declarou deserta a categoría para adultos desta mesma convocatoria e tamén a do premio Manuel María para teatro infantil.