O vento asubiaba, nun ir e vir continuo, mentres carballos e freixos danzaban ao compás tan lixeiros que parecía que alguén os estivese a arrolar. Dende a aba da montaña saudaban aos salgueiros, que enchoupaban os extremos das súas pólas no frescor da auga que discorría río abaixo, mentres o Sol xogaba ás agachadas coas nubes daquela tarde de verán.
O calorciño do solpor envolvíao, adurmiñado sobre un leito de fentos e papoulas que facían da escena algo case que etéreo. Cos ollos pechados, tombado e coas mans sobre o van, a Amelia antollábaselle un príncipe de conto agardando polo máxico bico que o fixera espertar do seu letargo. O aire movía os cabelos mollados da súa fronte, deixándoa admirar todos os trazos da súa cara. Porén, ela xa os tiña gravados na memoria desde había seis veráns, cando estando na casa familiar vira chegar un coche novo á aldea. Lembraba telo mirado con curiosidade, acubillada tras os chanzos da escaleira, temendo ser descuberta...tal e como estaba a suceder naqueles intres. Mais no seu ollar aquel rapaz deixara de ser un descoñecido para se converter no seu compañeiro de xogos, primeiro, e na causa dos seus suspiros, despois.
Agochada tras as árbores, abondaba para que o corazón lle batese a mil revolucións o son dunha herba movéndose, o chío dun paxaro ou... ¿unha formiga? ¡Centos delas comezaran a rubirlle pola perna! Ficara sen decatarse nun formigueiro e custáballe montóns e moreas permanecer inmóbil. Cando virou de novo cara ao val un sentimento de angustia encheulle as entrañas, ao ver que o adonis non estaba. O medo a ser atopada fíxoa perder o equilibrio, caendo de costas. Abriu os ollos e observou aquel sorriso pícaro co que tantas veces soñara. Colleu a man que lle ofrecía para erguerse e foi ela quen recibiu o bico que a espertaría. Aquel ruxerruxe... ¿serían as formigas de entre os fentos, ou as bolboretas do seu estómago?
Ana Rodicio Vila ten 26 anos é psicopedagoga e mestra de Primaria