De testo a traste

Manuel Vila Falcón

CULTURA

Eu era un testo triste con terra reseca que me achaba nun faiado entre ferramentas, mobles vellos e caixas de cartón. Por sorte, un día saín para comezar unha relación cunha fermosa planta. Anteriormente xa estivera cunha oriental que se chamaba Palmeira da Paz, de orixe nipón, pero a nosa unión foi curta. Ela era de interior e non pasou do primeiro inverno que estivo comigo na terraza. Digamos que tiñamos destinos diferentes. Volvín para o lugar onde residía antes e grazas á enerxía dos fertilizantes a nova especie entrou na miña vida inerte enchendo o meu baleiro coas súas raíces. Deste xeito deixei de sentirme inútil. Foi amor á primeira vista, tiña unhas flores vermellas recendentes e moitas follas bonitas. Eramos felices, gozabamos da choiva que nos empapaba, polas mañás escoitabamos aos paxaros cantar, pasamos momentos de frío e de calor, pero sempre nos mantiñamos unidos. Ás veces sentía celos das abellas que viñan a roubarlle o seu pole e tamén do vento que bailaba con ela, pero tranquilizábame dicíndome que só eran amigos e a quen quería de verdade era a min. O sol ía facéndoa máis fermosa á vez que a min me destinguía. Mentres ela medraba, eu notábame máis pequeno.

Unha noite de temporal caemos de chope. Co golpe contra o chan greteime, pero o que francamente me doeu foi escoitala dicir que non estabamos feitos o un para o outro, que necesitaba un transplante. Foi moi duro. Ao día seguinte apareceu un novo veciño: un testo de arxila máis novo e grande ca min. A miña amada observábao demasiado, había química entre eles, non facía falla ser moi listo para decatarse, e non tardou en desprenderse de min para meterse no seu colo. El dáballe a estabilidade e seguridade que non lle puiden ofrecer eu. Agora son un traste con malas herbas necesitado dun par de capas de pintura que segue laiándose por perder ao que máis desexaba neste mundo. O único que me consola é saber que é feliz. E desta maneira, con cada día que pasa, mingua a miña esperanza de que Cupido faga de xardineiro depositando en min algunha semente para non rematar no lixo.

Manuel Vila Falcón ten 34 anos e reside en Cambados