Cando estaba a buscar a saída da tenda de lencería entrou Rica a por el. Os nenos seguíanlle os pasos. Agarrouno polo brazo e deulle un bico. En silencio, botaron a andar por un dos corredores centrais. Pixie e Dixie detíñanse en todos os escaparates, atraídos polos reclamos das tendas, e tiñan que chamar por eles deseguido. Os cativos estaban fascinados. O Varas desesperábase. Ela non lles facía caso, arrimábase a el e ignorábaos, coma se non estivesen. Cando pasaron por diante dun hipermercado, Pixie apañou unha cesta da compra baleira que estaba á beira das caixas rexistradoras e meteu a cabeza dentro. O Varas lanzoulle unha ollada fulminante. Rica ceibou unha gargallada buliciosa. O seu compañeiro sentiuse molesto e volveu rosmar ao tempo que Dixie cruzaba á outra banda do corredor para internarse nunha tenda de lambonadas. O Varas anoxouse outra volta.
-Malditos críos -exclamou-. Non hai que os controle. Aínda non entendo a conto de que fomos buscalos. Vannos foder a vida, Rica, xa verás. Grazas a ti e ás túas teimas!
-Es ruín coma la de gato, Varas. Son os nosos fillos! Ninguén ten dereito a quitárnolos!
-Eles si que son ruíns. Non dan máis ca problemas! Ti non as pensas, Rica. Se non, dime, onde imos agacharnos estes días. No Pull&Bear ese?- preguntou sinalando para a porta dun establecemento.
-Ben o sabes; a solución é irmos á casa da miña irmá.
-Manda carallo con iso, cona. Imos volver de novo ao principio?
Agora Rica tamén se alporizaba. Marcábanselle as veas da gorxa.
-Ti es o que volve ao principio, merda, que tes unha lingua que fura as paredes- berroulle.
Pero o Varas xa se afastara dela. Entrara na tenda de lambonadas, detrás da nena. Non se achegara tanto por controlar a Dixie como polo atractivo que lle resultaba aquel local. Ante a cativa facíase o enfadado, pero en realidade toda a miudalla que había alí entolecíao. Agarrou a nena polo brazo, sacudíndoa e berregándolle ao tempo que, sen que a tendeira se decatase, apañaba unha presada de gominolas azucaradas e metíaa disimuladamente no peto.
A Dixie os cabreos do seu pai producíanlle apatía. Decotío, ela era ben guiada, non por respecto senón por resignación, que fora o único que coñecera ao longo dos escasos anos que tiña. O seu irmán Pixie, en cambio, era moito máis rebelde ca ela. Ao seu pai non podía nin velo diante e, sempre que tiña ocasión, aproveitaba para esquivalo, para importunalo ou para amolalo.
Dixie viu como o seu pai furtaba aqueles osiños de azucre e baixou a cabeza mentres aguantaba unha segunda bronca, que tiña como obxectivo que o Varas puidese encherse, con disimulo, de caramelos de café. Cando rematou a faena, deulle un empurrón á nena, botándoa para fóra do local. A muller que atendía o local desviara a ollada por discreción, evitando inmiscuirse no conflito.
A nena aínda foi obxecto dunha nova rifa por parte de súa nai, que parecía alterada.
-Dixie, merda, deixade de portarvos mal dun carallo dunha vez e obedecede. Que demos vos ensinan na escola? Aquí hai que andar sempre ao noso rabo, que non estamos para lerias. Entendido, parva?
De súpeto, Rica tivo un presentimento e ergueu a cabeza. Sen deixar de ollar seu redor, preguntou:
-E o teu irmán?
-Non sei- contestou a nena intentando tamén localizalo coa vista. Nese intre sentiu unha labazada que lle golpeaba a fazula.
-Onde carallo se meteu o teu irmán, cona- inquiríalle agora o seu pai.
A cativa non tiña resposta para esa pregunta. Pero sabía que para Pixie fuxir do Varas era toda unha tentación.