Celso Emilio Ferreiro Míguez naceu o 4 de xaneiro de 1912. O seu pai tardou dous días en inscribilo no rexistro civil e por este motivo nalgunhas biografías aparece a data do 6 de xaneiro como a do seu día de nacemento.
A perspectiva dos poetas novos sobre a obra de Celso Emilio resúmea María do Cebreiro, asegurando que o escritor volveu «imprevisiblemente antes desta conmemoración e quizais o mellor dela sexa que nos obrigue a relelo». Para a escritora, a poesía de Ferreiro «conecta cun momento de incerteza e precariedade e a súa lectura pode ser moi produtiva na circunstancia actual». Máis que conectada coa súa poesía, María do Cebreiro encontra ligazón entre o autor de Celanova e os poetas que comezaron despois do 2000, «como Daniel Salgado».