O presidente entregou os galardóns e dixo que os sete distinguidos «son un antídoto contra a desesperanza»
16 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Sete nomes para a cultura dun país: Arcadio López Casanova, Manolo Paz, Quico Cadaval, Carlos Núñez, Rogelio Groba, María Pujalte e mais a Fundación Aquae Querquennae. Son os sete galardoados nos Premios da Cultura Galega, que o presidente da Xunta entregou onte nunha cerimonia celebrada na Biblioteca de Galicia.
Alberto Núñez Feijoo sinalou no discurso de agradecemento aos premiados que ningún deles «claudicou e todos dan cumprida continuidade ao labor dos nosos devanceiros. A súa principal virtude é a creatividade, a capacidade para buscar e atopar novos camiños». Apuntou tamén que calquera dos premiados era «un antídoto contra a desesperanza».
No mesmo acto, Feijoo anunciou a declaración de BIC para a obra de Castelao, sinalando a relación entre a actitude do rianxeiro e os galardoados nesta convocatoria anual. Pero é relevante, segundo o presidente, porque «significa que Galicia segue sentíndose orgullosa dos seus devanceiros e proponse continuar aprendendo deles».
O presidente da Xunta engadiu que o carácter coral, amplo e variado da cultura galega que se deixaba notar nos premiados demostra que o país está «lonxe daqueles tempos escuros e os galegos de hoxe non precisamos que ninguén nos recorde que somos herdeiros dunha riqueza singular».