A RAG lembrará cun acto na Coruña a obra do escritor e político
27 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Hai agora cen anos a Real Academia Galega rendía homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz (Viveiro, 1811-Madrid, 1863) cunha ofrenda na súa vila natal e dedicándolle ao intelectual o número 50 do seu emblemático Boletín. Naquel exemplar de setembro de 1911 escribían enormes eloxios ao poeta e político de Viveiro Manuel Murguía, entón presidente da RAG, e Eugenio Carré Aldao. Tamén recuperábanse para os lectores da época discursos e poemas de Pastor Díaz, mesmo unha curiosa peza en francés titulada Vie et mort.
Un século despois, a Academia mantén viva a súa memoria e volverá lembrar ao autor de Alborada. Nesta ocasión a homenaxe non terá lugar no Viveiro de Pastor Díaz, senón na sede da RAG na Coruña. A Academia contará tamén coa colaboración da Universidade, que se sumará aos actos programados para o 1 de decembro. A xornada arrancará ás cinco da tarde cunha ofrenda floral na rúa Nicomedes Pastor Díaz, na que intervirán o sucesor de Murguía na presidencia da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín; o reitor da Universidade da Coruña, Xosé María Barja, e a poeta Luz Pozo Garza. Unha hora despois terá lugar o acto central da homenaxe na sede da RAG, na coruñesa rúa Tabernas. Luís Caparrós, vicerreitor da UDC e editor da poesía de Pastor Díaz, analizará o seu labor poético, faceta literaria na que afondarán tamén o investigador Emilio José Ínsua e o académico Henrique Monteagudo. O doutor Fausto Galdo, pola súa banda, lembrará a relación do intelectual coa súa vila natal e, por último, o académico e historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández dará conta da intensa actividade política do deputado Pastor Díaz.